Comezou o Foro Tecnolóxico de Emprego da UVigo con 41 empresas buscando talento TIC

martes, 5 de marzo do 2024 S. P.

Até 41 empresas compiten esta semana no Campus de Vigo por captar o mellor talento TIC que se está a formar nas aulas das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñería Industrial e Enxeñaría de Minas e Enerxía para incorporalo aos seus cadros de persoal. Fano na XXIV edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, un evento que, en palabras da UVigo, “consolidouse como a ponte máis directa entre as principais empresas do sector da enxeñaría e tecnoloxía (robótica e automática, TIC, enerxías verdes...) e as futuras enxeñeiras e enxeñeiros”.
A inauguración do encontro, este martes, contou coa presenza do reitor, Manuel Reigosa, quen, ademais de felicitar á organización polo éxito acadado, fixo fincapé na importancia que teñen para a Universidade de Vigo a celebración deste tipo de encontros: “Queremos transformar a sociedade e, para facelo, a ferramenta máis importante que temos sodes vós”, subliñoulles Reigosa aos máis de 70 alumnas e alumnos que forman parte da organización do foro, encabezados nesta edición por Carlota Cañamero, estudante do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación.
Xunto ao reitor, a profesora Ana Mejías, que asistiu en calidade de vocal substituta do delegado do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, resaltou o orgullo deste organismo en poder colaborar co foro, un aspecto no que tamén fixo fincapé o concelleiro de Orzamentos e Facenda do Concello de Vigo, Jaime Aneiros. “Seguimos medrando e iso é o que importa”, resaltou o concelleiro, ao tempo que garantiu o apoio do Concello de Vigo a este tipo de eventos que “desde a Universidade apoian ao tecido produtivo desta cidade”.
Participaron tamén nesta inauguración os responsables das tres escolas: Rebeca Díaz, de Enxeñaría de Telecomunicación; Elena Alonso, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, e José Fariña, de Enxeñería Industrial. Os tres se amosaron “tremendamente orgullosos” do talento amosado polo alumnado das tres escolas.
Ao longo de tres días, desde hoxe ata o xoves, haberá múltiples actividades nas tres escolas. Os postos das máis de 40 empresas participantes sitúanse nos vestíbulos de Enxeñaría de Minas e da Enerxía e en Enxeñería Industrial. Participan empresas de moi distintos sectores, pero cun interese común en incorporar ao seu cadro de persoal o mellor talento TIC. Hai representantes do sector da enxeñaría e servizos dixitais como Centum, Optare Solutions, Imatia Innovation ou a compañía xaponesa NTT Data, especializada en integración de sistemas; do sector aeroespacial, como a viguesa Alén Space ou CATEC, o Centro Avanzando de Tecnoloxías Aeroespaciais; da automoción, como Borgwarner ou o CTAG, Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia; do enerxético como Norvento ou Naturgy; do alimentario, como Coren; de servizos de auditoría e consultaría, como PWC España ou Deloitte; do naval, con firmas como Navantia...
Ademais dos postos das empresas o programa inclúe moitas outras actividades. Entre outras, está previsto unha recollida de currículos, na que alumnas e alumnos poden entregar o seu CV ao persoal de recursos humanos das empresas participantes; conferencias ás que todo o mundo pode asistir e informarse sobre o funcionamento das empresas de enxeñaría e os últimos avances de determinados sectores, e tamén diferentes obradoiros organizados polas empresas nos que se lle propoñen ao alumnado retos e actividades para comprobar as súas aptitudes e a súa formación transversal.

PUBLICIDADE