Commandos 3 incluirase no Game Pass

martes, 16 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Microsoft está a anunciar os novos xogos que chegarán ao catálogo de Xbox Game Pass, entre os que destaca enormemente a remasterización en alta definición de Commandos 3, que estará dispoñible dende o 30 de agosto para consola, PC e xogo na nube, de xeito que moitos xogadores teñen así unha grande oportunidade para rememorar unha franquía que foi un dos meirandes éxitos do sector español dos videoxogos. O mesmo día tamén estarán dispoñibles o grande xogo Immortals Fenyx Rising e os títulos independentes Immortality e Tinykin.
Outros xogos independentes que chegarán ao Game Pass serán Caffee Talk (dende hoxe mesmo), Midnight Fight Express (que chegará o día 23) e Exapunks (a partir do 25 de agosto), completando estas novidades o vindeiro día 25 Opus: Echo of Starsong - Full Bloom Edition.
O xogo máis importante dos que chegan ao Game Pass é claramente Immortals Fenyx Rising, no que encarnaremos a unha semideusa que procurará salvar aos deuses gregos valéndose dos seus poderes, da espada de Aquiles e das ás de Dédalo, loitando contra inimigos como Medusa, os ciclopes e outras criaturas mitolóxicas ao longo das sete rexións que forman un rico mundo aberto. Un xogo moi interesante, que incluso está adaptado para aproveitar as bondades das últimas consolas de Microsoft.

PUBLICIDADE