Commodore volve como unha liña de teléfonos anti-sociais
mércores, 17 de xuño do 2026
A renacida marca Commodore quere facerse un oco no mercado da telefonía móbil cun dispositivo moi afastado dos estándares actuais, o Commodore Callback 8020, trebello que aposta polo formato de teléfono de cuncha, ao que engade unha filosofía que busca reducir as distraccións dixitais mediante o bloqueo de redes sociais, navegadores web e clientes de correo electrónico, o que podemos ver dun xeito de vender unha carencia como unha virtude.
O terminal, que chegará ao mercado ao longo de 2026, preséntase como unha alternativa aos smartphones convencionais. Os seus responsables defíneno como unha resposta á dependencia das aplicacións deseñadas para fomentar o consumo constante de contidos, ata o punto de impedir a instalación e o uso de servizos asociados ao denominado doomscrolling.
O dispositivo emprega Sailfish OS, un sistema operativo baseado en Linux desenvolvido pola finlandesa Jolla, fundada por antigos empregados de Nokia, que ofrece unha experiencia libre dos servizos de Google e mantén compatibilidade coa maior parte das aplicacións de Android grazas a unha capa de execución específica. Entre as aplicacións admitidas figuran WhatsApp, Spotify ou servizos de navegación.
A política de restricións vai máis aló da simple ausencia dunha tenda de aplicacións tradicional. O fabricante asegura que permite a instalación manual de software externo, pero exclúe expresamente redes sociais, navegadores e outros servizos considerados fonte de distracción. Mesmo se aplican limitacións a nivel de DNS para impedir o acceso aos servidores destas plataformas.
A proposta tamén incorpora un enfoque centrado na privacidade. Prométese non recompilar datos sen consentimento explícito nin monetizar a información proporcionada polos usuarios. A pesar da ausencia de navegador, o teléfono mantén conexión á Internet para funcións como a navegación GPS ou a lectura de códigos QR.
O Callback 8020 combina unha pantalla principal IPS de 3,25 polgadas e resolución de 480 x 640 píxeles cunha segunda pantalla frontal monocroma de estilo VFD de 1,77 polgadas. No seu interior integra un procesador MediaTek Helio G81 acompañado de 4 GB de memoria RAM e 64 GB de almacenamento. Inclúe tamén unha tarxeta microSD de 32 GB e admite ampliacións de ata 256 GB.
Entre as súas prestacións destacan unha cámara traseira Sony de 48 megapíxeles con flash, unha cámara frontal con enfoque automático, conectividade LTE global, Wi-Fi, Bluetooth, GPS, dobre SIM e carga mediante USB-C. A batería extraíble de 1.550 mAh e as carcasas intercambiables permiten personalizar o aspecto do dispositivo.
A inspiración nostálxica tamén se deixa ver noutros elementos. O terminal incorpora xogos clásicos de Commodore 64, tons de chamada baseados no histórico chip de son SID e un reprodutor compatible con este formato musical. Conta ademais cun conversor dixital-analóxico integrado, saída de auriculares de 3,5 milímetros, auriculares intraaurais incluídos e receptor de radio FM.
O Commodore Callback 8020 comercializarase inicialmente en varias versións con prezos que partirán dos 431,75 euros (+ IVE). Haberá edicións especiais con acabados translúcidos e mesmo unha variante con detalles bañados en ouro de 24 quilates. As reservas abriranse proximamente e o obxectivo é iniciar as entregas durante o cuarto trimestre de 2026.
Cómpre lembrar que aínda que estes curiosos terminais móbiles empreguen a marca Commodore, a compañía detrás non ten relación directa coa empresa que fabricaba ordenadores o século pasado, e que tras a súa bancarrota vendeu as súas marcas e patentes, polo que agora a marca está a explotarse de moitos xeitos que van dende dispositivos retro ata mercadotecnia moi diversa.

- Especificacións do Commodore Callback 8020
