Como automatizar tarefas dixitais, ao detalle nunha xornada da Cámara de Santiago

xoves, 6 de novembro do 2025 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago organiza unha nova xornada formativa centrada en impulsar a transformación tecnolóxica das pemes. Trátase da xornada de balde Menos traballo, máis resultados. Automatiza as túas tarefas dixitais. A actividade, abeirada ás actividades do Programa Kit Dixital (Red.es coa colaboración da Cámara compostelá), desenvolverase o vindeiro xoves 13 de novembro a partir das 10.00 horas.
O obxectivo é “mostrar oportunidades reais de aforro de tempo e custos nas tarefas dixitais a través de exemplos prácticos”. Dirixida pemes, autonomos e emprendedores.
En termos máis concretos, identificaranse procesos repetitivos e manuais dentro do negocio que poden automatizarse facilmente, sen necesidade de coñecementos técnicos; e favorecerase a comprensión do potencial real da automatización como ferramenta de eficiencia, produtividade e aforro, máis aló do uso da intelixencia artificial. Amais, mostraranse ferramentas dixitais accesibles e adaptables ao tamaño e necesidades das pemes (axenda, atención ao cliente, comunicación interna, mercadotecnia, facturación, etc.); e deseñarase un mapa básico de automatización que permita visualizar os fluxos máis importantes do negocio: captación, venda, servizo e fidelización.
A relatora será Rosa María López Lantigua, especialista en automatización de procesos para pequenas e medianas empresas e persoas autónomas. Rosa María é consultora en automatización de procesos e de mercadotecnia a través de correo electrónico. Amais, está certificada en metodoloxías de automatización e funnels de vendas, axudando a empresas a aforrar tempo, optimizar a súa comunicación e aumentar as súas vendas.
A xornada está organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.