Como incrementar o noso negocio grazas á dixitalización, nunha nova sesión da Cámara de Santiago

mércores, 24 de novembro do 2021 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago vai organizar este 30 de novembro unha xornada formativa sobre o potencial das novas tecnoloxías para facermos mercado, aumentar pegada empresarial e incrementar os usuarios dos nosos produtos e servizos. O seminario Como atraer máis clientes a calquera negocio grazas á dixitalización porá o foco no emprendemento feminino e celebrarase na sede da Cámara de Comercio Santiago (40 da rúa República Checa), en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Virá da man da Juan Luis Magariños Lapido, director e fundador de Optimiza o teu Negocio. Juan Luis ten longa experiencia impartindo asesoramento e formación integral a nivel nacional e internacional para pemes, autónomos e emprendedores en áreas de negocio como a produtividade, organización de procesos e persoas e dixitalización en empresas de diferentes sectores e estruturas.
As persoas interesadas en participar no seminario poden facer a inscrición a través da web da entidade cameral.
Esta xornada formativa enmárcase dentro do Programa de Apoio Empresarial ás Mulleres, orientado á promoción e apoio á actividade empresarial feminina, que desenvolve a cámara compostelá en colaboración coa Cámara de Comercio de España e conta co co-financiamento do Fondo Social Europeo e do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades do Ministerio de Sanidade.

PUBLICIDADE