Como loitar por unha sociedade dixital igualitaria, polo miúdo nunhas xornadas da UVigo
mércores, 17 de outubro do 2018
Os
vindeiros días, nos campus de Vigo e Ourense vaise falar do papel
das mulleres na Sociedade do Coñecemento, de que maneira se poden
seguir derrubando estereotipos e discriminacións laborais nas redes
e que medidas se poden poñer en práctica para garantir unha
Internet en positivo, igualitaria, que sexa útil para as novas
xeracións de usuarias e usuarios. Trátase
de dúas xornadas organizadas por profesorado da Facultade de Dereito
nas que se abordarán dúas cuestións de actualidade: o caso do
traballo muller na era dixital e a sentencia de La Manada.
As
xornadas xorden no marco do desenvolvemento de proxectos de
investigación con financiamento estatal, do Ministerio de Ciencia,
Innovación e Universidades, e contan coa colaboración da Unidade de
Igualdade da Universidade de Vigo.
A
primeira das actividades leva por título Muller e traballo na era
dixital e celebrarase o día 18 de outubro na Facultade de
Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Vigo e o día 19 de
outubro na Facultade de Dereito de Ourense. Organizadas por Jaime
Cabeza, Marta Fernández, Francisca Fernández Prol e Mª Belén
Fernández, da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, a
actividade lévase a cabo no marco do proxecto Os dereitos
fundamentais ante as transformacións laborais na era dixital. O
seu obxectivo é fornecer ás alumnas e alumnos de adestramento
complementario sobre cuestións candentes como o acceso da muller ás
novas formas de emprego xeradas no marco da economía dixital, o
emprendemento feminino ou as autónomas low cost e as falsas
autónomas no marco das novas industrias dixitais. Tamén se tocarán
temas como os porqués de que se siga mantendo o sistema patriarcal
no marco da economía dixital. O programa inclúe tres conferencias
ofrecidas por expertas da área de Dereito do Traballo e a Seguridade
Social das universidades de Santiago de Compostela, Murcia e Carlos
III de Madrid.
A
segunda das xornadas, Feminismo e teoría do dereito,
celebrarase os días 25 de outubro e 15 de novembro tanto na
Facultade de Dereito do Campus de Ourense como na Facultade de
Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo. A cita, que vai
pola súa terceira edición, aborda este ano a polémica suscitada
coa sentencia no caso de La Manada.