Como protexer o noso negocio na Rede, ao detalle nunha nova xornada da Cámara de Santiago
xoves, 6 de febreiro do 2025
A Cámara de Comercio de Santiago vai ofrecernos a vindeira semana unha nova actividade formativa de transformación tecnolóxica: un seminario en liña centrado nas medidas legais para protexer o noso negocio na Internet, abeirado ás iniciativas de formación do programa Kit Dixital. Será o martes 11 de febreiro ás 10.00 horas.
Trátase dunha xornada de balde que ten como obxectivo concreto “achegar aos participantes todas aquelas cuestións de carácter legal que deben de ter en conta para protexer os negocios no marco da propiedade industrial (marcas), a propiedade intelectual (protección de contido da páxina web) e a protección de datos”. Está dirixida a pemes e persoas autónomas.
O relator será Ramón Rey García, director de Castelao Abogados, boutique xurídica centrada en cuestións de dereitos de autor, propiedade industrial e dereito dixital. Ramón Rey é profesor de xestión de Dereitos de Propiedade Industrial en UNIR.
Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.