Comparten masivamente copias da revista ¡HOLA! por WhatsApp

mércores, 12 de xullo do 2023 Marcus Fernández

O mundo da prensa rosa en España está moi revolto por mor do último número da revista ¡HOLA!, dedicado ao casamento de Tamara Falcó e Íñigo Onieva, ao que destina máis de 50 páxinas e, de feito a primeira edición da publicación esgotouse o luns, de xeito que o martes repuxeron exemplares nos puntos de venda, de aí que resulte rechamante a reacción da publicación ante o feito de que se compartisen copias da revista en PDF a través de WhatsApp, o que definen como «o meirande pirateo da historia da prensa».
A Asociación de Medios de Información (AMI) solidarizouse coa revista e acusa a Meta de «ignorar o lexítimo dereito da revista ¡HOLA! De facer seu o froito do seu traballo». A AMI pide a Meta «un comportamento responsable» instando á compañía de Mark Zuckerberg a que «paralice de xeito inmediato a distribución ilexítima de contidos editoriais e poña os medios necesarios para evitar que estas condutas se reproduzan no futuro», o que é unha das esixencias máis absurdas que podían facer, xa que as copias das revistas non están a circular irregularmente pola Rede con ánimo de lucro, senón que as copias compártense en privado, polo que AMI estaría a colocar a propiedade intelectual por enriba dos dereitos fundamentais dos cidadáns. Tamén cómpre sinalar que as comunicacións por WhatsApp están cifradas de extremo a extremo, ou sexa, que nin sequera Meta pode supervisar os seus contidos (nin en casos de piratería, nin en caso de delitos de extrema gravidade).
AMI asegura que «a piratería é un delito contra a propiedade intelectual e leva aparelladas penas de cadea de entre 6 meses e 4 anos, amais de multas económicas e da obriga de resarcir os danos causados», afirmando incluso que coa lexislación actual a descarga da revista en PDF sería un delito, o que non se corresponde en absoluto coa realidade.

PUBLICIDADE