Complétase a poxa pola banda de 700 MHz para a 5G

mércores, 21 de xullo do 2021 Marcus Fernández

A agardada poxa polo espectro relativo á banda de 700 MHz para o despregamento de redes e servizos 5G rematou hoxe mesmo a súa licitación, levándose a cabo un total de 12 quendas coa participación de Telefónica, Vodafone e Orange, que achegarán polas súas concesións un total de 1.010.089.000 euros. Estas concesións terán unha duración de 20 anos prorrogables por outros 20 anos máis.
Telefónica fíxose cun bloque abstracto de 2x10 MHz de cobertura estatal, polo que pagará 310.089.000 euros; Vodafone pagará 350.000.000 euros por un bloque abstrato de 2x10 MHz de cobertura estatal; e, finalmente, Orange fíxose con dous bloques abstractos de 2x5 MHz de cobertura estatal polos que pagará 175.000.000 euros por cada un. Estes bloques de están situados nas bandas de 703-733 e 758-788 MHz, mentres que na banda dos 738-753 MHz ofrecíanse 3 bloques abstractos de 5 MHz descendentes sobre os que non houbo interese, quedando deserta a súa poxa.
Esta é a terceira poxa por frecuencias de redes 5G en España, correspondendo as anteriores ás bandas dos 3,6-3,8 GHz, frecuencias que están a explotarse actualmente, pero que teñen claras limitacións á hora de conseguir cobertura no interior dos edificios ou para cubrir grandes áreas rurais, de aí que esta última poxa resulte tan interesante e estea a verse como o punto de partida dunhas conexións 5G de calidade, das que é toda unha incógnita o que acontecerá coas operadoras distintas ás 3 meirandes, concretamente no caso do Grupo MásMóvil, que non quixo presentarse á poxa, o que podería colocar ao operador (ao que pertence a cableira R) nunha situación de desvantaxe competitiva, pois non quedarían fóra da 5G, pero si da súa banda de frecuencias preferente.

PUBLICIDADE