Complícase a piratería de xogos para PC

martes, 9 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Na anterior xeración de consolas de videoxogos a conectividade á Rede aínda non estaba tan espallada como agora, o que facilitou que xurdisen métodos de copia dos xogos modificando o software de sistema das consolas, algo que coa PlayStation 4 e a Xbox One non pode facerse dado que este elemento está a actualizarse constantemente, conseguindo erradicar a piratería en consolas, algo que parece que está a conseguirse tamén en PC grazas a métodos como Denuvo, sistema de protección que conseguiu que algúns xogos como DOOM ou Rise of the Tomb Raider tamén se librasen das copias ilegais en ordenadores persoais, situación que o pasado venres parecía que mudaba tras a liberación de versións crackeadas dos dous xogos mencionados grazas ao traballo dun cracker ruso, pero o logro veuse rapidamente ensombrecido, e onte mesmo dende Denuvo actualizaron o seu sistema de protección, de xeito que xa non é posible activar os xogos co seu sistema de protección mediante o método empregado nos últimos días, de xeito que incluso os xogos que dende o venres circularon pola Rede (estímase que máis de 600.000 xogadores fixeron uso destas copias) deixarán de funcionar en canto se produza a vindeira comprobación de Denuvo (o que realízase periodicamente precisamente para evitar que unha copia ilegal poida perpetuarse).
O acontecido dá a entender que no estado actual da tecnoloxía DRM baseada na Internet as proteccións son tan robustas que fan practicamente imposible a súa vulneración a longo prazo, aínda que é posible que meses despois do lanzamento moitos estudios deixen de manter un férreo control sobre a protección dos seus títulos (en boa medida porque non compensa, xa que a meirande parte das vendas dos xogos prodúcense nos seus primeiros meses de vida).
ACTUALIZACIÓN (9-8-2016): Volven aparecer xogos co DRM de Denuvo crackeados no que parece que se trata dun novo xogo do gato e o rato. O que resutla evidente é que as medidas de protección están a gañar a guerra, xa que o desenvolvemento de cracks efectivos está a adiarse máis de medio ano dende o lanzamento dos xogos, o que protexe as súas vendas iniciais.

PUBLICIDADE