Compostela Monumental aposta polas novas ferramentas para o formato e os contidos dos seus novos cursos

venres, 15 de xaneiro do 2021 S. P.

A Asociación de Comerciantes, Empresarios e Profesionais CCA Compostela Monumental vai levar a cabo ao longo de todo o ano 2021 cursos gratuítos para autónomos e traballadores na modalidade de teleformación. Moitas destas actividades de capacitación e adestramento profesional e empresarial serán actividades para facer avanzar os coñecementos tecnolóxicos das persoas participantes (por exemplo este mes, sen ir máis lonxe, están programados cursos de Excel, de comercio electrónico e de blogs e redes sociais, entre outros).
O obxectivo do programa en xeral é “ir formando aos autónomos e aos seus traballadores nun momento moi delicado por mor da COVID-19 e os distintos peches perimetrais que ordenaron as distintas administracións públicas”.
Deste xeito, os cursos achegarán distintas temáticas de interese a varios gremios e sectores comerciais e empresariais, a través dunha modalidade cen por cen segura: a modalidade da teleformación, “para evitar calquera tipo de risco de contaxio e ao mesmo tempo facilitar, tanto ás persoas autónomas como aos seus traballadores unha fórmula que lles permita adquirir os coñecementos que consideren oportunos e dun modo compatíbel co seu quefacer cotián”.
Segundo explica o presidente da entidade, José Manuel Bello, “pensamos que nestes momentos é a aprendizaxe a distancia a través das novas ferramentas de comunicación é a mellor alternativa que temos para iniciar calquera acción formativa, mesmo aproveitando por desgraza eses tempos mortos que estamos a ter por culpa do descenso de carga de traballo ou afluencia de clientes”.
Para apuntarnos aos distintos cursos, debemos facelo a través da web de APE Galicia onde se poderá seleccionar o que se estime oportuno. Para calquera tipo de dúbidas ou consultas está operativo a conta de correo info@apegalicia.es ou chamando ao teléfono 986 891 657.
Tamén están habilitados o teléfono 981.575919 e o e-mail formacion@compostelamonumental.es.
Estes son os cursos que se ofertan estes meses de xaneiro e febreiro:
· Lei de Protección de Datos (LOPD)
· Educación da voz e control da tensión na atención telefónica
· Excel avanzado
· Inglés empresarial
· Técnicas de vendas telefónicas en telemarketing
· Xestión comercial e de vendas en microempresas
· Habilidades directivas e xestión de equipos
· Fundamentos do plan de mercadotecnia en Internet
· Control de queixas e reclamacións
· Sistema de I+D+i e xestión da innovación
· Estratexia e comunicación empresarial
· Dirección por obxectivos e xestión do desempeño
· Internet, redes sociais e dispositivos dixitais
· Xestión do tempo
· Estratexias de servizos: calidade e orientación ao cliente
· Creación, programación e deseño de páxinas web
· Xestión integral de pemes
· Creación de blogs e redes sociais
· Negocios online e comercio electrónico
· Selección e formación do equipo comercial

PUBLICIDADE