Compostela Monumental e o CDTIC achegan formación en uso do WhatsApp e Rocket.Chat

venres, 3 de abril do 2020 S. P.

A asociación de empresarios e comerciantes Compostela Monumental e o Centro Demostrador TIC de Galicia (con sede no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia emprazado en Conxo) veñen de programar unha serie de cursos e charlas online de balde para o sector en Santiago, co obxecto de seguir fornecendo aos comercios e ás empresas de coñecementos tecnolóxicos para así contar cos mellores recursos para o remate do Estado de Alarma e a volta á normalidade. O 7 de abril celébrase a primeira actividade, Uso do WhatsApp na Empresa e no Comercio, impartida por Christian Delgado a través de tecnoloxía streaming, en horario de 10:30 a 11:30 horas.
No curso de Christian Delgado explicarase como usar de maneira eficiente o devandito servizo de mensaxes instantáneas para os negocios e empresas (xestión de clientes, recomendacións, boas prácticas con casos de exemplo reais).
Para o mércores está previsto o segundo curso, Mellora a túa Comunicación Corporativa con Rocket,Chat. Retransmitirase tamén en streaming e en horario de 10:00 a 10:45 horas.
As persoas que queiran participar deberán acceder á web do Centro Demostrador TIC e elixir o curso no que queren inscribirse.
Christian Delgado
Christian Delgado von Eitzen é enxeñeiro superior de Telecomunicacións. Desde 1999 traballa desenvolvendo e dirixindo proxectos como responsábel de diferentes sistemas web, comercio electrónico e plataformas en Internet, sendo especialista en proxectos de transformación dixital, posicionamento en Internet (SE), analítica web, ciberseguridade e cadea de bloques (Blockchain), así como formador e profesor asociado no IESIDE. Desde 2002 publica artigos de divulgación, informática, tecnoloxía, redes sociais e telecomunicacións en diferentes medios.

PUBLICIDADE