Compostela Monumental porá a disposición dos negocios un marketplace e unha nova web

martes, 8 de setembro do 2020 Redacción

A Asociación Compostela Monumental vai pór en marcha “de xeito inmediato” varias iniciativas de carácter tecnolóxico para contribuír á recuperación económica dos comercios e da hostalería da cidade de Compostela. Farao favorecendo a venda online de todo tipo de produtos dos negocios situados no centro histórico mediante un marketplace específico. A maiores, habilitarse un escaparate virtual dos negocios participantes por medio da nova web da asociación.
En palabras de José Ángel Blanco, xerente de Compostela Monumental, “o noso obxectivo é que a curto e medio prazo todo o tecido comercial e empresarial da zona formen parte deste espazo de ecommerce. Analizamos o mercado e consideramos que esta é a mellor opción para os comerciantes nestes momentos tan difíciles para o sector”.
A xestión, dixo, correrá a cargo dunha empresa especialista en comercio electrónico e mercadotecnia dixital, tanto de carácter local como estatal, e que, segundo informou, “ofrece unhas condicións moi vantaxosas para os participantes”.
Os integrantes desta plataforma de venda online contarán coas seguintes prestacións e condicións:
- Cada comercio disporá dun marketplace con capacidade para crear até 300 artigos e/ou servizos.
- FlahsPromo. Tres artigos e/ou servizos á semana.
- Promocións de cinco artigos e/ou servizos á semana.
Por outra banda, Compostela Monumental lembra que ao abeiro desta iniciativa formarase de xeito individual a cada comercio no uso, manexo e xestión dos seus produtos na tenda online, e contarán cun departamento destinado a solucionar problemas e dúbidas que estará a enteira disposición do empresario.
Os interesados en formar parte do proxecto do marketplace compostelán poden comunicalo ao correo electrónico cca@compostelamonumental.es cos datos do interesado e teléfonos de contacto.
Nova web
Compostela Monumental tamén contará en breve cunha nova web da asociación, na que poderán poderán contar cun espazo de mercadotecnia e promoción todos os negocios do centro histórico de Santiago. Para aqueles que xa dispoñen dunha web de venda online, poríaselle unha ligazón á mesma. Por outra banda, quen só desexe subir imaxes e información do seu negocio, pode facelo sen opción de venda en liña. “A nova web de Compostela Monumental e todo o que a rodea”, engade o xerente da entidade, “é posíbel grazas a un proxecto que presentamos e que foi aprobado polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, para a Dixitalización do Comercio Galego”. Blanco lembra que a súa materialización tamén foi unha realidade grazas ao apoio do Concello de Santiago, por medio do seu Departamento de Comercio, “que colabora nesta iniciativa na que Compostela Monumental achega unha parte económica cos seus recursos”.

PUBLICIDADE