Compostela acolle a cuarta Mostra de Proxectos de Tecnoloxía dos alumnos galegos

luns, 2 de xuño do 2008 Raquel Noya

O departamento de tecnoloxía do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela vén de anunciar as súas actividades de fin de curso programadas para este ano 2007-2008, entre as que cómpre salientar a recollida dos Premios Galicia de Innovación Junior, e a posta en marcha de varias exposicións tecnolóxicas que se levarán a cabo coa colaboración da Asociación de Profesores de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA).
Deste xeito, o vindeiro venres, 6 de xuño, terá lugar a IV Exposición de Proxectos de Tecnoloxía de alumnos de toda Galicia na Praza do Toural de Santiago de Compostela, un evento de entrada libre que poderá ser visitado por todo aquel que desexe achegarse ata o lugar entre as 18:00 e as 20:00 horas da tarde.
Asemade, ata o vindeiro 20 de xuño, os corredores do primeiro andar do devandito centro de estudios acollerán a exposición dos Proxectos de Tecnoloxía dos propios alumnos do instituto que, por quinto ano consecutivo, acadan o primeiro posto nos Premios Galicia de Innovación Junior, organizados pola Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia. As alumnas premiadas son: Sara Reboredo Dafonte, Lucía González González, Inés González Piñeiro e Telma Lago Rodríguez; todas elas achegaranse, xunto cos seus familiares e amigos, ás instalacións da Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) en Ourense para recoller os seus galardóns o vindeiro venres 6 de xuño pola mañá.
Na imaxe un neno interactuando na exposición do pasado 2007.

PUBLICIDADE