Compostela convértese na capital mundial da IA coa celebración do ECAI e a Semana da cidadadanÍA
martes, 15 de outubro do 2024
Compostela acollerá do 19 ao 24 de outubro o encontro European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024). Trátase do congreso máis importante de Europa no eido da IA, e un dos tres de referencia en todo o planeta, un evento que conta xa con máis de 1.600 persoas rexistradas procedentes de todo o mundo.
Santiago converterase na capital mundial da Intelixencia Artificial (IA) e ao mesmo tempo o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), institución responsábel deste encontro, programa a Semana da cidadanÍA, unha serie de encontros abertos co obxectivo de aproveitar a oportunidade histórica desta conferencia para achegar a IA ao público xeral. As actividades daban comezo onte (luns, 14 de outubro) e prolongaranse até o sábado 19, estando distribuídas por distintos puntos da cidade, sendo de carácter gratuíto e abertas até completar aforo, sen necesidade de inscrición previa.
Onte, luns 14 de outubro, a Casa das Máquinas (Galeras) acollía a apertura da Semana da cidadanIA, cunha serie de charlas divulgativas impartidas por persoal investigador do CiTIUS, que falaron do impacto da IA na vida cotiá (de que maneira os robots sociais interactúan de xeito natural cos seres humanos, como a Intelixencia Artificial se integrou nos chips ou de que xeito as tecnoloxías lingüísticas permiten que as máquinas entendan e usen o galego). Asemade, falouse das aplicacións da IA no ámbito da Medicina (monitorización clínica) e explorouse as posibilidades da realidade virtual na nanociencia ou o alivio de experiencias achegadas á morte.
O mércores 16 de outubro, no Café Bar Alborada de Veiga, o persoal investigador do CiTIUS ofrecerá un ciclo de charlas informais e divulgativas sobre temas tan actuais como o uso da IA para crear imaxes ou contido de maneira automática (IA xerativa) ou a representación de escenas en 3D empregando tecnoloxías avanzadas. Alén disto, reflexionarase sobre os modelos matemáticos que nos axudan a entender como se propagan certas ideas ou fenómenos na sociedade, relacionándoos así mesmo co método científico.
O xoves 17, o Auditorio do CGAC será o escenario dunha actividade moi especial: un espectáculo de maxia fusionado con Intelixencia Artificial, a cargo do director do CiTIUS, Senén Barro, a enxeñeira de IA Alba Meijide, e o recoñecido mago Jorge Luengo. Este evento buscará provocar no público unha reflexión sobre as diferenzas entre a intelixencia humana e a artificial, poñendo en evidencia como ambas, aínda que avanzadas, non son infalíbeis.
O venres 18 de outubro, na Facultade de Filosofía da USC, un grupo de persoas expertas en diversas disciplinas analizarán os aspectos éticos, legais e técnicos relacionados coa IA e de que maneira esta tecnoloxía pode ser percibida pola sociedade, a través dun interesante debate titulado: Podemos confiar na IA?
Para rematar, dicir que a Semana da cidadanÍA concluirá o sábado 19 de outubro coa proxección no Auditorio do CGAC da película Justicia Artificial, recentemente estreada e dirixida por Simón Casal. Tras a proxección celebrarase un coloquio moderado polo xornalista Jaime García Cantero (director de contidos de El País Retina), no que se debaterá sobre os límites do uso da IA en situacións tan complexas como a toma de decisións en conflitos bélicos ou en diagnósticos médicos. O coloquio contará coa participación da produtora, Chelo Loureiro, o director Simón Casal, e o actor Tamar Novas.