Compostela enumera os seus proxectos smart perante os responsábeis de A miña cidade intelixente

xoves, 20 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Primeiro foi a quenda de Lugo, amosando esta mesma semana os seus progresos smart perante os responsábeis do proxecto A miña cidade intelixente, e onte mesmo foi a de Santiago, no Obradoiro e máis no consistorio (Raxoi). En que consistiu esta quenda smart compostelá? Pois basicamente nunha xuntanza entre os impulsores do devandito proxecto (levado da man pola Rede Española de Cidades Intelixentes á que pertencen, precisamente, Lugo e Compostela) e o responsábel do ámbito tecnolóxico-urbano do Concello de Santiago. Máis en detalle, na cita participaron o concelleiro de Espazos Cidadáns e Mobilidade, Jorge Duarte, e os xeógrafos Pablo Rodríguez e Eduardo Bustillo (que fan parada na nosa terra ao abeiro do seu itinerario en vehículo eléctrico polas 82 cidades estatais da rede de Smart Cities, dentro do proxecto A miña cidade intelixente, encamiñado a tomarlle o pulso e visualizar as vantaxes e avances das urbes con iniciativas concretas de innovación, eficiencia, dixitalización e sustentabilidade).
Eduardo Bustillo explicou que a primeira edición do proxecto A miña cidade intelixente desenvolveuse en 2013, coa participación de trinta cidades, ascendendo agora a 82 e ostentando un concepto smart que non se limita ao puramente tecnolóxico, sinalou, senón que se enfoca máis á vida das persoas. Ou sexa, que se trata de poñer as tecnoloxías dixitais avanzadas de xestión e comunicación ao servizo da veciñanza e dos traballos para acadar cidades máis habitábeis, limpas e mellor comunicadas, engadiu. Por estes e outros motivos (co gallo de dar exemplo e visualizar as vantaxes do sustentábel) o itinerario do proxecto estase a facer en vehículo eléctrico. Segundo apuntou Pablo Rodríguez acerca dos moitas vertentes positivas deste tipo de transporte, o coche leva incorporado un sistema de medición de ruídos, “co obxectivo de facer un mapa da contaminación acústica durante a viaxe pola Rede Española de Cidades Intelixentes”.
Pola súa banda, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que o proxecto A miña cidade intelixente é "coincidente cos plans do Concello de Santiago, que tamén entende que as Smart Cities deben pensar primeiro nas persoas”. O concelleiro engadiu que o Goberno local tamén quere facer unha clara aposta polo uso do vehículo eléctrico. Para comezar, esta prevista a adquisición de dous coches destas características e que se incorporarán ao parque móbil municipal. Ademais, engadiu, apostarase por estes vehículos no vindeiro contrato para renovar parte dos vehículos da Policía Local.
Por outra banda, reiterou que “o próximo contrato do transporte público incorporará autobuses híbridos”. Por último, Jorge Duarte explicou que o Concello traballa para incorporar puntos de carga para vehículos eléctricos nos aparcadoiros públicos de Xoán XXIII e Belvís.
O proxecto
O proxecto A miña cidade intelixente, desenvolvido por Geocyl, adícase estes días a percorrer nun coche eléctrico as 82 cidades da Rede Española de Cidades Intelixentes, asociación que apoia institucionalmente este proxecto. Lugo (primeiro) e Santiago (despois) foron as primeiras cidades galegas que visitaron os responsábeis da iniciativa nesta súa segunda edición, que arrincou o pasado mes de xuño e terá continuidade até xaneiro de 2018, recorrendo máis de 30.000 quilómetros. Amais de Lugo e Santiago, as cidades de A Coruña e Vigo darán tamén acubillo á xira de Bustillo e Rodríguez.

PUBLICIDADE