Compostela impulsa un proxecto para mergullar o comercio local nas novas ferramentas: Commarket Santiago

xoves, 7 de outubro do 2021 S. P.

O Concello de Santiago vai impulsar un proxecto de dixitalización comercial: Commarket Santiago, que a xunta de Goberno local decidiu presentar á convocatoria de axudas do Ministerio de Industria para o apio de mercados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia. O importe total do proxecto ascende a 639.791,44 euros; dos que o Concello achega 132.675,44 euros. A cantidade restante, 507.116 euros, é a financiamento que se solicitou ao Ministerio de Industria e Comercio na convocatoria de axudas.
Segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, Commarket Santiago engloba distintas accións de apoio o comercio, “algunhas que xa existen”, como o programa Coidar para mellorar (que inclúe cheques de consultoría e axudas de innovación para os negocios), e outras de nova implantación vencelladas á difusión e á dixitalización do comercio. Por exemplo a iniciativa para dotar de carteis dixitais e intelixentes o ensanche e mailo casco histórico (cun investimento estimado de 2.635,38 euros na anualidade de 2021 e 232.320 euros na de 2022) ou a creación dun banco de recursos e ferramentas tecnolóxicas (con especial incidencia naquelas de descarga e uso gratuíto para autónomos e pemes, dirixido á modernización da xestión dos negocios, contando cun orzamento estimado de 17.500 euros na anualidade de 2022).
Tamén se inclúen as seguintes medidas:
-Campaña de difusión e posta en valor, nun entorno dixital, de experiencias comerciais. Consiste na realización de vídeos protagonizados polo empresariado local. Conta cun orzamento estimado para 2022 de 50.000 euros.
-Reconversión da web www.comerciolocal.gal na web principal, multifuncional impulsora e potenciadora dos centros comerciais abertos composteláns; “unha plataforma pensada para ser utilizada como medio de difusión dalgunhas das medidas comentadas en puntos anteriores”. Conta cun orzamento de 6.500 euros na anualidade 2021.
-Instalación de rede Wi-Fi no Mercado de Abastos, cun investimento previsto, no próximo exercicio, de 30.500 euros.
-Deseño e desenvolvemento dunha plataforma de ecommerce para o Mercado de Abastos, cun investimento previsto, para 2022, de 40.500 euros.

PUBLICIDADE