Compostela inaugura o ciclo de conferencias sobre Intelixencia Artificial da RAGC e a Deputación da Coruña

venres, 20 de outubro do 2023 Fernando Sarasketa

Alberto Bugarín

Como xa adiantamos dende Código Cero, a vindeira semana, do 23 ao 26 de outubro (de 17 a 20:30h) a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, celebrará un ciclo de conferencias (Ciclo Avances) baixo o título Intelixencia Artificial (IA). A electricidade do século XXI?, tamén se poderán seguir vía streaming previa inscrición.
A primeira destas charlas será este luns 23 en Santiago, na sede da Confederación de Empresarios de Galicia. Centrarase na evolución da IA do laboratorio á sociedade. Presentarana o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; a vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez; e o coordinador do ciclo, o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro, académico da RAGC e director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago (CiTIUS).

Isabelle Hupont

A xornada comezará coa intervención de Alberto Bugarín, catedrático da Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigador do CiTIUS. Abordará a Intelixencia Artificial desde as súas orixes ata o futuro inmediato. Fará un percorrido por algúns dos fitos máis relevantes das case sete décadas de historia da IA e as investigacións, avances tecnolóxicos e aplicacións que están a transformar a nosa relación coa tecnoloxía e o mundo que nos rodea. Asemade, Bugarín tratará os desenvolvementos máis recentes en áreas como o tratamento da linguaxe natural, a visión por computador ou a condución autónoma. Reflexionará sobre os retos actuais que todas estas perspectivas presentan a nivel tecnolóxico, ético, legal, socioeconómico, cultural ou mesmo de xénero. E especulará sobre o que nos pode traer a Intelixencia Artificial no futuro máis inmediato.

Alejandro Ramos

Logo será a quenda de Isabelle Hupont, científica do Centro Común de Investigación da Comisión Europea, onde explora o aspecto regulatorio da tecnoloxía, contribuíndo a establecer o camiño cara a unha IA e uns mundos dixitais fiábeis e éticos na Unión Europea. Afondará no impacto da Intelixencia Artificial na sociedade desde a perspectiva europea, tratando en particular as súas aplicacións no sector público. Hupont presentará a investigación que se está a levar a cabo no Centro Común de Investigación da Comisión Europea en Sevilla, onde están a estudar o impacto da dixitalización e da IA na sociedade. En relación á Lei de Intelixencia Artificial europea, a AI Act, analizará os seus ámbitos de aplicación, o seu enfoque centrado no risco para as persoas, e os cambios técnicos, organizativos e sociais transformadores que traerá consigo.
Alejandro Ramos é co-fundador e director científico de InVerbis Analytics, unha spin-off da Universidade de Santiago que emprega a IA para desenvolver tecnoloxía que mellore os procesos empresariais. Explicará como a Intelixencia Artificial pasa da investigación ao mercado, que tarefas e desenvolvementos deben levarse a cabo para converter unha investigación académica prometedora nun produto comercialmente viábel.
A xeito de peche, os asistentes poderán manter un debate cos expertos participantes no encontro. Pódese participar de balde en todas as conferencias deste ciclo, de xeito presencial ou en liña, previa inscrición na ligazón expecífica habilitada.

PUBLICIDADE