Compostela reivindica as súas empresas innovadoras e creativas coa campaña Feito en Santiago
mércores, 7 de agosto do 2024
A concelleira compostelá María Rozas presentou esta semana a campaña municipal innovadora Feito en Santiago, unha acción que ten como obxectivo "poñer en valor as iniciativas empresariais locais que contribúen ao desenvolvemento económico do noso municipio". A iniciativa enmárcase no programa Compostela Móvese de apoio á cultura emprendedora, e vaise desenvolver ata o mes de novembro, tanto en formato físico coma nas novas canles dixitais.
María Rozas explicou que un dos obxectivos é crear “unha imaxe de marca que anime ao emprendemento e asentamento de novos proxectos en Santiago, e que dea a coñecer entre a veciñanza os valores engadidos destas iniciativas empresariais”.
A campaña xira ao redor do lema Feito en Santiago, coas variantes Faino en Santiago, Faise en Santiago e Fanse en Santiago. A imaxe de marca, de corte moderno e limpo, destaca o nome de “Santiago” subliñándoo de diferentes cores, cada unha delas relacionada cunha área de impacto: o amarelo, para os proxectos que empurran a economía local; o vermello, para os que dignifican a vida cidadá; o azul, para os que contribúen á cohesión social; o morado, para a promoción da educación, patrimonio e arte; o laranxa, para aquelas iniciativas sobre mobilidade e territorio, e o verde, centrado nos emprendementos que apostan pola sustentabilidade e transición verde.
A campaña de comunicación realizarase entre os meses de agosto e novembro, e ao seu abeiro visualizaranse ata 30 iniciativas empresariais e institucionais vencelladas ao ámbito do desenvolvemento económico que operen en Santiago de Compostela. Procúrase así a promoción dos sectores estratéxicos para a economía local, coma a biotecnoloxía e as ciencias da saúde; a transformación da madeira; a economía social vinculada ao terceiro sector; as industrias relacionadas co turismo; as industrias culturais e creativas; a economía circular; a economía de proximidade, e a silver economy.
Os proxectos participantes nesta campaña considéranse exemplos de boas prácticas en distintas iniciativas xa executadas pola Oficina de Promoción Económica, coma as empresas galardonadas nas dúas edicións dos Premios á Excelencia Empresarial da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, ou compañías identificadas polo seu bo facer na execución de programas de formación para o emprendemento, competencias dixitais, conciliación, economía social e fomento da innovación, como as actividades da EDUSI, que foron executadas no ano 2023.