Compostweets pechou a súa segunda edición casando con acerto as moitas faces do social media
luns, 27 de febreiro do 2012
- Apertura do evento retratada por David Serantes
O
pasado sábado tivo lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago de
Compostela) a segunda edición do encontro anual de social media Compostweets,
que pese ás limitacións económicas propias dos tempos que corren, conseguiu
reformularse como un evento tan enriquecedor como participativo no que os
asistentes puideron reflexionar sobre a situación actual das redes sociais e
coñecer distintos proxectos galegos ao redor deste novo contorno comunicativo.
Preto dun par de centos de persoas xuntáronse así para interactuar no mundo
físico e falar de temas máis propios da virtualidade, pondo cara a xente que
coñecían só na Rede e descubrindo numerosos proxectos interesantes, nun
ambiente moi distendido. Pero máis aló das relacións que foron xurdindo entre
os asistentes, o evento tamén gozou dun programa tan modesto como efectivo, que
partiu dunha conversa entre Marcus Fernández e José Luis Orihuela, autor do blog eCuaderno e de libros como Mundo Twitter e 80
claves sobre el futuro del periodismo, reflexionando sobre as redes
sociais dende moitos ángulos. O profesor Orihuela quixo así desbotar o mito do
número de seguidores en Twitter ou Facebook, destacando que é máis importante a
calidade que a cantidade, así como a conversa establecida entre os mesmos;
aclarou que os medios de comunicación están a mudar constantemente conforme
xorden outros novos (en vez de morrer,
como se empreñan en repetir certos apocalípticos); quitou importancia aos temas
do momento en Twitter definíndoos como “un
esbirro social”; tamén amosar o contraste entre as amizades no mundo real e
na Rede, sendo esta última un mero “acordo
temporal para compartir información”; e, en definitiva, lanzou numerosos
temas para chamar á reflexión aos presentes sobre o fenómeno que está a forzar
a un cambio constante no xeito de comunicarnos, tanto de xeito público como
privado.
- Raquel Lemos explicou a súa experiencia como Publiwoman
O primeiro bloque de intervencións da mañá completárono un par de mesas nas que
puidemos ver, por unha banda ao xornalista Carlos Toural presentando á empresa
galega BuyDeal e a Raquel Lemos Publiwoman,
e por outra, a Anna García
presentando á blogueira Nela Bernal, autora de A Fervenza do Sur e ao boneco viaxeiro
Stabri, quen roubou o corazón aos presentes. Nestas intervencións
destacaron especialmente a orixinalidade feminina de Raquel Lemos e de Nela
Bernal, unha por ser unha publicista que se vende a si mesma como marca dun
xeito moi divertido e igualmente efectivo, e outra por abordar o tema da
sexualidade a través dun blog en galego.
- Álex Pereira narrou a súa experiencia como Coachinero
O resto da mañá podería considerase como un bloque destinado a activar os
estómagos do público, pois comezou coas presentacións de Álex Pereira, autor do
blog sobre nutrición, cultura
gastronómica e creatividade El Coachinero, e a plataforma de venda en liña de “marisco a prezo de pizza”
Elmarisconoescaro.com, para pasar logo a que os responsables de FBI
(BAP&Conde) desen conta da popular campaña
publicitaria de Gadis baixo o lema de Vivamos
como Galegos. Completou esta face publicitaria unha recompilación cos
mellores vídeos virais e campañas en liña de Galicia durante o ano 2011,
prometendo dar continuidade a tal sección do Compostweets durante a sucesivas
edicións.
Xa pola tarde púidose ver a presentación dun par de proxectos galegos como son
a plataforma de desenvolvemento de aplicacións móbiles para eventos Bits for
Meetings (B4M), da que a cuarta parte dos presentes estaban a dar boa conta da
súa eficacia, pois o
evento contaba cunha app deste tipo;
e tamén Luz Castro (Imaxin Software) deu conta dun dos proxectos máis
significativo da súa empresa, o tradutor Opentrad.
- David Serantes e Javier Pedreira Wicho abordaron o fenómeno dos blogs dun xeito tan amplo como divertido
Tras esta breve presentación chegou un dos pratos fortes do evento, unha
conversa entre os blogueiros David Serantes
e Javier
Pedreira Wicho, que partía do
título Microsiervos: de la Tierra a la
Luna... en un blog, como desculpa para facer un repaso dos fenómeno dos
blogs empregando como exemplo a Microsiervos.com. Unha hora chea de comentarios xeniais, que
provocaron un tráfico de mensaxes a través de Twitter realmente impresionante,
como reflexo da importancia que dan os entusiastas do 2.0 as reflexións destes grandes comunicadores que souberon gañarse
ao auditorio co seu humor e as súas experiencias. Wicho explicou a historia do blog Microsiervos dende os seus
inicios como un proxecto entre amigos, repasou detalles que causaron certa
polémica no seu momento (como a publicidade nos blogs ou os comentarios que
asegurou que “están sobrevalorados”)
e mesmo narrou a súa visita á NASA para ver o lanzamento do derradeiro
transbordador espacial. David Serantes achegou unha visión un tanto distinta,
que destacaba polo feito de ter un
podcast, medio de comunicación un tanto alternativo do que non houbera
precedentes no Compostweets.
- Javi Rocamora foi un dos conductores do último tramo do Compostweets
Para pór o peche ao evento, os consultores Francesc Pumarola e Javi Rocamora
reservaron un espazo para dar a coñecer a distintos proxectos de empresas con
certa vertente tecnolóxica durante 5 minutos cada unha, o que aproveitaron
dende a plataforma
editorial híbrida Meubook, a tenda en liña Exquisitec.es, a rede social
profesional Vigiliam, o proxecto de venda grupal (en desenvolvemento) Mundo de Planes, o novo proxecto para transformar ideas en
negocios de Juan José Romero, e
incluso unha proposta persoal, coa fotógrafa
2.0 Julia Antonio, que seguindo
os pasos de Publiwoman, acudiu ao
evento para venderse.
Pechouse así un encontro que parece consolidarse, en boa medida por saber
adaptarse ao tempos que corren, polo que a meirande parte dos participantes
quedaron con ganas de máis, prometendo repetir en futuras edicións.
- Francesc Pumarola acompañou a Javi Rocamora na presentación de distintos proxectos galegos durante a xornada
- A Fervenza do Sur púxolle un divertido toque erótico á xornada
- Camilo Ameijeiras e Luz Castro presentaron Bits for Meetings e Opentrad respectivamente
- David Serantes puxo un toque de humor e complicidade durante a súa intervención
- Wicho explicou a súa experiencia blogueira
- Juan José Romero presentou a súa última aventura empresarial
- Meubook amosou a súa proposta innovadora no Compostweets
- A plataforma social corporativa Vigiliam deu a coñecer o seu potencial neste evento en Compostela
- Exquisitec.es presentouse como unha interesante aposta pola calidade
- Mundodeplanes.com é un proxecto que nace dende Ribeira e do que pronto veremos froitos
- Julia Antonio propúxose como fotógrafa 2.0 no evento
- Alfonso Freire, organizador do evento, intentando captar algúns momentos do Compostweets dende un tablet
- O fotógrafo Manu Dibuja retratou ao boneco Stabri como a estrela do evento que foi