Computerworld inclúe a Altia, por segundo ano, na súa listaxe de mellores empresas IT para traballar
xoves, 12 de decembro do 2024
Por segundo ano consecutivo, Foundry Computerworld vén de elixir a empresa galega Altia, con sede en Oleiros, como un dos mellores lugares para traballar en TI en 2025, incluíndonos no posto 29 da clasificación das empresas medianas. Best Places to Work in IT é un recoñecemento a nivel mundial para as organizacións que se preocupan por “ter un equipo TI motivado e coidado, a través de grandes beneficios e compensacións, á vez que lles axudan a desenvolver a súa carreira profesional”. As compañías son seleccionadas en base á excelencia e calidade do lugar de traballo.
Como dixemos, a tecnolóxica Altia xa formou parte da listaxe o ano pasado, quedando no posto 27 das empresas medianas e sendo a única empresa española en lograr este recoñecemento.
“Esta distinción reafirma o noso empeño por seguir mellorando e atraendo aos mellores perfís do mundo TI. Máis de 4.000 persoas xa forman parte do grupo e somos conscientes da importancia de coidar ao talento, ademais de seguir sendo competitivos para sumar aos mellores profesionais ao noso proxecto”, comentou Angela Souto, responsábel da área de talento de Altia.
“O enfoque deste ano na IA creou unha demanda de novas habilidades en Intelixencia Artificial, análises de datos e computación na nube. A boa noticia é que as empresas líderes recoñecen que estas oportunidades para a innovación empresarial tamén crean novas oportunidades para o talento interno de TI”, afirmou Barbara Call, directora global de estratexia de contido en Foundry, que engadiu que “as nosas empresas gañadoras están comprometidas con manter a súa forza laboral tecnolóxica feliz e comprometida, o que significa ir alén dos aumentos, os beneficios e as promocións para ofrecer oportunidades de mellora das habilidades e a capacitación en tecnoloxías de vangarda e emerxentes”.