Con Gears of War: Ultimate Edition regalarán todos os títulos da saga publicados para Xbox 360

luns, 3 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Os seareiros da franquía Gears of War que dean o salto de Xbox 360 a Xbox One estarán contentos que saber que se mercar a remasterización da súa primeira entrega, Gears of War: Ultimate Edition, entre o 28 de agosto e o 31 de xullo, poderán gozar sen custo adicional cos xogos Gears of War, Gears of War 2, Gears of War 3 e Gears of War: Judgement en formato descargable, pero sen mellora gráfica, xa que serían as versións orixinais lanzadas inicialmente para Xbox 360, que agora poderanse xogar grazas á retrocompatibilidade que vai incorporar en breve a consola de Microsoft.
Aínda que a nova edición do primeiro Gears of War incorpore novas prestacións gráficas e algunha mellora xogable, gozar ao resto de entregas da saga coa retrocompatibilidade da Xbox One podería compensar, xa que os títulos contarán tamén con funcionalidades propias da última consolas doméstica de Microsoft, como son a gravación de partidas, a pantalla partida, a captura de pantalla e moitas outras cousas, conservado incluso as partidas que se gardaran en Xbox 360, os engadidos, os logros e a posibilidade de xogar en liña con independencia da consola que se teña diante.
Esta interesante promoción atende en boa medida á demanda rexistrada por parte dos xogadores de volver xogar aos anteriores Gears of War na Xbox One, como indicaron na páxina web que ten Microsoft para que os usuarios voten polos títulos de 360 que antes queren que cheguen a One mediante a retrocompatibilidade, e na que Gears of War 3 ten unha digna 7ª posición con 54.404 votos.

PUBLICIDADE