ConCiencia traerá a Santiago a dous recentes Premios Nobel das Ciencias da Vida

martes, 10 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Sir Tim Hunt, nunha imaxe extraída dun documental da BBC

Arestora hai un bo número de científicos de primeira liña, gañadores dos máis prestixiosos premios, vivindo e movéndose en cidades como Nova York, Tokío ou Londres, entre outras. De velos alí e de termos a oportunidade de falar con eles, sería case imposíbel unha comunicación libre e fluída, en boa medida porque alí está o seu lugar de traballo e as súas axendas son ben apertadas. O Programa ConCiencia da Universidade de Santiago diríxese a cambiar isto: por unha banda incluíndo á capital galega entre as cidades máis científicas e, pola outra, permitíndonos falar, cara a cara, cos investigadores dos que máis se fala. Este martes 10 foi presentado no Consorcio, onde se deu a coñecer que este ano contaremos cos Premios Nobel Ei-ichi Negishi e Tim Hunt.
A presentación desta edición 2012 de ConCiencia veu da man de Jorge Mira, impulsor e principal face visíbel da iniciativa, a maiores profesor da USC, quen salientou por unha banda a importancia de contar para as principais actividades coa Cidade da Cultura e, pola outra, coa presenza en Santiago de Compostela, os vindeiros meses, dos científicos Ei-ichi Negishi e Tim Hunt. O primeiro deles, sinalou, é un dos principais responsábeis da reforma da arquitectura da vida, atopándose entre os seus logros o de ter conseguido que os átomos de carbono se unisen dun xeito que non se vira antes.
Ei-ichi Negishi, da Universidade estadounidense de Purdue, acadou en 2010 o Nobel de Química e os achados abríronlle as portas a múltiples vieiros de actividade industrial, agrícola ou médica. A súa arquitectura salienta pola súa complexidade e polo potencial para mellorar, de xeito asombroso, a eficacia química orgánica sintética.
Pola súa parte, Sir Tim Hunt, Premio Nobel de Medicina en 2011, é outro representante das Ciencias da Vida, cousa que para Jorge Mira é unha interesante coincidencia, ao contar a USC co Campus Vida, referencia internacional na investigación biolóxica, médica ou química.
Hunt, que centra unha boa parte do seu traballo na loita contra o cancro, descubriu, ao abeiro da reprodución celular, un compoñente chamado ciclina, cíclico e temporal, que é o que regula a división das células. Os seus achados son fundamentais dende o punto de vista médico e biolóxico, e máis se temos en conta que das devanditas proteínas, as ciclinas, parece depender en boa medida que o proceso de distribución xenética (con feitura de cromosomas) se faga ben ou mal. De darse dun xeito incorrecto, estaríase a favorecer a aparición de cancro.
Hunt, que visitará a USC a comezos de maio, leva a cabo os seus traballos no Imperial Cancer Research Fund do Reino Unido. O seu relatorio público será o mércores 9 ás 20.00 horas, na Cidade da Cultura.
O acto de presentación deste martes, celebrado no Consorcio de Santiago, contou tamén coa presenza do reitor Juan Casares Long e máis do alcalde da cidade (e presidente do Consorcio), Xerardo Conde Roa.
Programa ConCiencia
O obxectivo de ConCiencia, programa iniciado en marzo de 2006 co científico suízo e Premio Nobel de Física en 1986 Heinrich Rohrer, é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que propicia o intercambio de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresaíntes do ámbito científico internacional. A presenza en Compostela das máis eminentes personalidades da Física, a Química, as Matemáticas ou a Medicina -nestes seis pasados anos vinte Premios Nobel, dous Premios Abel e un Turing- débese en gran medida aos vencellos existentes entre o cadro de investigadores da USC e estes persoeiros.

PUBLICIDADE