Concello e USC poñen o foco na innovación feminina na súa Feira de Emprendedoras

venres, 8 de outubro do 2021 S. P.

O Concello de Santiago e a Universidade de Santiago (USC), colaboran un ano máis, para organizar a Feira de Emprendedoras de Compostela, que chega á súa terceira edición co obxectivo de mostrar o traballo das mulleres na creación de novos e innovadores proxectos de mercado, facendo gala de coñecemento e valor engadido, na comarca de Santiago. Este ano vai dirixida ás universitarias da USC. Ás alumnas que asistan á formación e á feira expositiva concederáselles 1 crédito de libre configuración.
Esta feira, sinalan dende a organización, é “un encontro entre universitarias xurdidas da USC, referentes como creadoras e sustentadoras dun tecido empresarial feminista, con valor engadido e responsabilidade social na área de Compostela, con alumnas que estudan diferentes disciplinas na USC, ou que estudaron e xa acabaron, e contemplan o emprendemento como unha saída laboral”.
O programa inclúe unha parte de formación no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, os días 25, 26 e 27 de outubro, de 12:00 a 14:00 horas. As universitarias recibirán ao longo destes días unha formación teórica sobre emprendemento con perspectiva de xénero, farán unha análise sobre o espírito emprendedor nas mulleres, elaborarán un canvas feminista e tratarán a importancia de aplicar a innovación e a creatividade ao tecido empresarial, entre outras temáticas.
O día 28 de outubro farán un percorrido por empresas da comarca de Compostela, con liderados femininos, e que son “un modelo de negocio referente para a actual crise sanitaria, social e empresarial que estamos vivindo”, apuntan dende a organización, engadindo que estas visitas teñen “o propósito de que as universitarias coñezan de preto a aplicación da formación teórica recibida e o funcionamento da mesma, en empresas reais con responsabilidade social corporativa”.
Os días 29 e 30 de outubro celébrase a feira expositiva coa presentación de empresas dirixidas por emprendedoras da comarca. Estará aberta ao público no claustro de Fonseca co fin de visualizar os produtos e servizos creados por entidades innovadoras.
Aparte da feira expositiva tamén se celebrarán mesas redondas nas que se tratarán temáticas como a orientación laboral e a empregabilidade con valor engadido, amais do papel de Santiago e a súa contorna como referentes en biotecnoloxía, emprendemento colaborativo e economía feminista, entre outros eidos.
Todo o evento será retransmitido en liña a través da canle de Youtube de Woman Emprende.
A inauguración da feira será o 29 de outubro, ás 12:00, coa presenza de Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde do Concello de Santiago, e Antonio López Díaz, reitor da USC.
A inscrición ao evento pode facerse a través da Secretaría Virtual da USC e tamén a través da páxina web de Woman Emprende.

PUBLICIDADE