Concello e Vodafone xuntan forzas para lograr que Vigo sexa un referente en 5G

luns, 18 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Vigo quere ser un referente en tecnoloxías avanzadas de telecomunicación e deste propósito xa temos reflectido algúns exemplos en Código Cero, por exemplo a súa candidatura ao Plan Nacional de Territorios Intelixentes, un programa para equipar as cidades de máis de 200.000 habitantes con tecnoloxías smart (Internet das Cousas, ferramentas de xestión e comunicación propias das Cidades Intelixentes, tecnoloxías 5G). Estes días o Concello de Vigo deu un novo paso nesta arela, un desafío que vai ser abordado conxuntamente con Vodafone. Segundo fixo saber o alcalde, Abel Caballero, o Concello e a operadora presentarán ante o Ministerio de Economía unha iniciativa para implantar o estándar 5G na cidade. Con isto, dixo Caballero, Vigo estará no punto de atención de Europa.
Caballero concretou este venres que o Goberno local presentará o proxecto piloto de tecnoloxía 5G ao programa convocado por Red.es, do Ministerio de Economía, co obxectivo “de obter axudas e estar durante dous anos e medio nesta experiencia”. Segundo fixo saber, trátase dunha iniciativa “da maior importancia para Vigo”.
Estes e outros datos foron achegados polo alcalde logo da súa xuntanza co director xeral de Administracións Públicas de Vodafone España, Carlos Becker; o director territorial, Juan Manuel Navarro, e o director de Contas en Galicia, Jesús Sueiro.
O rexedor tamén tivo tempo para debullar os ámbitos nos que se vai ver beneficiada a cidade galega co impulso definitivo do 5G, un estándar que dispara as posibilidades dos aparellos conectados até o inimaxinábel: vehículos autónomos, servizos de emerxencias, eficiencia enerxética, desenvolvemento de drons, asistencia a voluntarios ou Industria 4.0. Tamén servirá para dar importantes avances en xestión de ambulancias, no pagamento da cidadanía ou no seguimento de fluxo de persoas a eventos ou a lugares de interese turístico, por exemplo as Illas Cíes. Caballero engadiu que a experiencia piloto ten especial relevancia porque “abrangue todos os ámbitos” que poidamos concibir.
Ademais do Concello e Vodafone, no proxecto tamén participan PSA Peugeot-Citroen, o CTAG, o Centro Tecnolóxico Gradiant, Cruz Vermella e a firma Kaleido. “Presentarémolo perante o Ministerio de Economía e confíamos en obter axuda e estar durante dous anos e medio nesta experiencia para que unha vez máis esta cidade estea á cabeza da tecnoloxía”, salientou.

PUBLICIDADE