Concepción Pombo convértese na primeira directora xeral da CSAG
martes, 8 de xullo do 2025
Concepción Pombo Romero foi proclamada esta mañá polo plano do Parlamento galego nova directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), nova denominación da CRTVG. A xornalista, con raíces en Val do Dubra e licenciada en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela, substitúe no cargo a Alfonso Sánchez Izquierdo, que o ocupaba dende 2009 e se atopaba en funcións dende 2015.
Pombo, que dende 2017 estaba á fronte da área de Información e Documentación do ente público, foi a única candidata presentada e contou co apoio do PPdeG, que a propuxera o pasado mes de maio. O seu nomeamento foi aprobado nunha terceira e definitiva votación no Parlamento galego, cun resultado de 39 votos a favor (todos dos populares) e 34 en branco, xa que non era posible votar en contra. En primeira volta precisábanse dous terzos da Cámara (50 votos) e en segunda, tres quintos (45), polo que só agora, cunha maioría absoluta, se puido desbloquear a designación.
As críticas da oposición foron contundentes. O BNG acusou o PP de acelerar « facerse co control absoluto dos medios públicos galegos», asegurando que Pombo é, dende 2018, «responsable da manipulación informativa» na CRTVG e advertindo de que « a é case imposible diferenciar o argumentario do PP das escaletas do telexornal».
Pola súa banda, o PSdeG lamentou o que consideran o pasamento da CRTVG, coa perda da pluralidade, a liberdade e o servizo público do ente que agora dirixiría Alfonso Rueda dende o seu despacho.
Fronte ás críticas, Pombo reivindicou a súa traxectoria e comprometeuse a impulsar unha nova etapa con máis presenza do galego, contidos máis próximos e pegados á realidade social, e a fortalecer o vínculo coa audiencia e a participación cidadá.
