Concha Monje explicará no CITIC como os robots brandos poden cambiar a tecnoloxía do futuro

venres, 7 de novembro do 2025 S. P.

O vindeiro venres, 14 de novembro, ás 12:00 horas, celebrarase na sala Cloud do CITIC da UDC unha nova conferencia do ciclo Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable, organizado pola Cátedra Inditex-UDC de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes.
Desta volta, contarase coa participación de Concha Monje, catedrática da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) e directora do Laboratorio de Robótica Branda do grupo RoboticsLab, pioneiro no desenvolvemento e control de articulacións robóticas brandas. Segundo salientou o CITIC, “a súa traxectoria investigadora, recoñecida con numerosos premios, combina o rigor científico coa aplicación práctica en colaboración con empresas do sector tecnolóxico”.
A conferencia, titulada Cara á simplicidade no deseño e control de robots brandos, introducirá o concepto de robótica branda, un eido emerxente que se inspira na natureza para crear robots máis flexibles, seguros e adaptables.
O CITIC adianta que “a diferenza dos robots tradicionais, feitos con materiais ríxidos, os robots brandos están construídos con materiais elásticos e deformables —semellantes aos tecidos biolóxicos— que lles permiten moverse e interactuar co seu contorno dun modo máis natural”. Isto, engade o centro da UDC, abre posibilidades en ámbitos como a medicina, a rehabilitación ou a exploración en contornas delicadas.
Durante o relatorio, Monje explicará como a busca da simplicidade no deseño e control destes robots pode evitar o uso de modelos excesivamente complexos baseados en IA, optando por enfoques analíticos máis eficientes. Ademais, presentará o concepto de controlador PID fraccionario, unha versión xeneralizada do coñecido controlador PID, que permite dotar os robots brandos da robustez necesaria sen depender de técnicas baseadas en datos.
A sesión é de entrada libre, pero cómpre inscribirse previamente en liña.