Conclúe EDIH DataLife con máis de 600 profesionais formados en novas ferramentas
venres, 26 de xuño do 2026
Impulsar a transformación dixital de empresas de sectores estratéxicos de Galicia como o agroalimentario, o de saúde e coidados, acuicultura, biotecnoloxía e forestal coa incorporación de tecnoloxías disruptivas foi un dos grandes obxectivos do proxecto EDIH DataLife que vén de chegar ao seu remate e a través do cal brindouse ás pequenas e medianas empresas destes ámbitos, e de forma gratuíta, as claves para implantar con éxito a intelixencia artificial, a Internet das Cousas (IoT) ou a recompilación e integración de datos.
Estes foron os desafíos da iniciativa, promovida polo Hub de Innovación Dixital DIH DATAlife e financiada polo programa Digital Europe e o Ministerio de Industria e Turismo, que chega este mes ao seu fin cun balance positivo do seu catálogo de formacións tecnolóxicas: 21 cursos impartidos baixo a coordinación de FEUGA, máis de 600 alumnos entre as distintas formacións e tres novos proxectos innovadores xurdidos a raíz destas accións formativas.
Precisamente, na xornada de peche (celebrada hai uns días no Biopolo Sionlla, en Santiago) púxose o foco na importante repercusión do proxecto en canto a número de formacións e asistentes. Con todo, tal e como se puxo de manifesto durante a cita, o principal valor engadido destas accións formativas non reside nos números, senón no impacto real que estas tiveron no tecido empresarial.
O programa formativo liderado por FEUGA estruturouse en distintos itinerarios sectoriais adaptados ás necesidades reais das empresas. No ámbito da saúde e os coidados abordáronse aplicacións de IA, aprendizaxe automática, e sensórica para saúde dixital; en acuicultura profundouse en visión artificial e Internet das Cousas (IoT); mentres que o bloque agroalimentario e forestal-madeira incluíu contidos sobre granxas intelixentes, dixitalización de explotacións agrogandeiras, xestión eficiente da auga e IA para a industria da madeira e o deseño. A oferta completouse coa formación para o sector biotecnolóxico en IA, protocolos dixitais e ciberseguridade e un bloque transversal centrado en espazos de datos, IA para a eficiencia enerxética e recompilación e integración de datos. En total, ofrecéronse 127 horas de formación adaptadas ás necesidades reais dos sectores estratéxicos vinculados ao ecosistema DATAlife.
Ademais deste catálogo, outros socios do proxecto como DIH DATAlife, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela ou Gradiant realizaron cursos individuais a certas empresas específicas do ecosistema galego que accederon a través dos servizos tecnolóxicos financiados pola Escola de Organización Industrial (EOI). Estas accións elevan a cifra aos 1.000 profesionais formados no marco do proxecto.
Casos de éxito
A utilidade práctica das distintas accións xa se reflicte en varios casos de éxito xurdidos directamente das aulas. Por exemplo, tras coincidir no curso Granxa Intelixente, David Vázquez Novás, responsable de Gandería do Mouro; Pilar Merino, investigadora de NEIKER; e o profesor da Universidade de Vigo e investigador de atlanTTic, José Carlos López Ardao, impulsaron DairyTek, unha plataforma de gandería de precisión baseada en IoT, computación na nube e intelixencia artificial que permitirá monitorar en tempo real variables ambientais e produtivas para optimizar a sustentabilidade e o rendemento das explotacións de vacún leiteiro.
Outro exemplo do éxito destas accións formativas é ccvet.es, unha plataforma desenvolvida polo veterinario Manuel Fernández tras participar en varios cursos. A iniciativa, que recibiu o primeiro galardón nos VII Premios 50 Emprende, facilita a xestión integral de casos clínicos, receitas e evidencias veterinarias.
Na mesma liña, Josefina Anlló, outra das usuarias do programa formativo, está a traballar no desenvolvemento dunha IA na miña cabeza, unha ferramenta destinada a achegar o uso da intelixencia artificial e a aprendizaxe máquina aos máis novos.
Aula virtual
Grazas á disposición dunha aula virtual facilitada por CESGA, os materiais didácticos e gravacións dos cursos do catálogo formativo seguirán estando dispoñibles de forma gratuíta para que os profesionais interesados. A través da páxina web de EDIH DATAlife poderase acceder a ela e ao recomendador de formacións desenvolvido desde o Cĺúster TIC Galicia para orientar aos usuarios cara ás formacións que poidan ser máis axeitadas segundo as súas necesidades.
A iniciativa do Hub Europeo de Innovación Dixital DATAlife executouse cun orzamento de 5,6 millóns de euros financiados pola Comisión Europea con fondos Dixital Europe e o Ministerio de Industria e Turismo a través dos Next Generation. A contía serviu para poñer en marcha non só o catálogo formativo, senón tamén outras actividades, entre as que se incluíron servizos tecnolóxicos, de acompañamento e asesoramento para garantir o éxito no impulso das tecnoloxías dixitais entre as empresas que accederon a eles.
