Conclúe con 5 proxectos revolucionarios o Laboratorio de Innovación Cidadá, LABIC, na UDC

venres, 20 de setembro do 2024 S. P.

A Universidade da Coruña (UDC) acolleu desde o pasado venres 13 até este 20 de setembro a celebración do o LABIC_ES, Laboratorio Iberoamericano de Innovación Cidadá co-producido xunto a División de Innovación Pública e Cidadá (DIPyC) da Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB) e co apoio da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID). O laboratorio, que dá resposta con proxectos concretos aos retos da OMS para mellorar a calidade das persoas maiores, saldouse con cinco grandes iniciativas revolucionarias.
Con este tipo de actuacións, destacou o reitor Ricardo Cao, “é posíbel impulsar novos produtos e/ou ferramentas, que permitan un envellecemento activo e saudable”. Unha intervención que aproveitou para agradecer á SEGIB ter contado coa UDC para este laboratorio de innovación, que “tan bos resultados” ten dado nestes días de traballo.
Pola súa banda, a secretaria para a Cooperación Iberoamericana, Lorena Larios, salientou que “os Laboratorios de Innovación Cidadá (LABIC) son valiosísimos puntos de colaboración nos que as ideas da cidadanía se materializan en solución transformadoras a problemas específicos, facendo o mellor uso da tecnoloxía.
Durante estes días, os equipos (de 5 persoas cada un) procedentes de 9 países iberoamericanos (Arxentina, Colombia, Costa Rica, España, Guatemala, México, Perú, República Dominicana e Uruguai), traballaron no desenvolvemento de propostas innovadoras sobre a saúde e o benestar das persoas maiores, tendo en conta diferentes dificultades que teñen que afrontar na súa vida cotiá.
Así, un grupo impulsou a iniciativa Pulsus, unha plataforma de análise de datos que monitoriza os hábitos de vida das persoas maiores nas súas casas, xerando alertas ante posíbeis emerxencias e previndo riscos. Neste caso, o traballo de campo guindou unha conclusión importante: esta plataforma debe estar máis dirixida ás persoas coidadoras ou familiares que aos propios maiores, dado que permitiría detectar casos de emerxencia e mandar alertas cando sexa necesario.
No caso de Sono de Ardora, o obxectivo foi a creación dunha cama sensorial para o benestar, que permite, a través de sensores, detectar movementos e tamén aqueles estímulos que melloren a súa calidade de vida, tales como a música ou a iluminación.
O proxecto Avia centra os seus esforzos na creación de modelos preditivos baseados en IA para mellorar as políticas de saúde das persoas maiores en Reconquista, Santa Fe (Arxentina). O obxectivo deste desenvolvemento tecnolóxico é poder prever con suficiente antelación a perda de autonomía dunha persoa. Con isto sería posible reducir custos de atención médica, optimizar recursos e mellorar a calidade de vida.
Para o grupo impulsor de Diligenter, a clave destes días foi poder perfeccionar o seu prototipo de órtese vinculada a unha plataforma que monitoriza a zona lesionada as 24 horas do día, avaliando o progreso e notificando posturas incorrectas. Tras diferentes probas estes días, detectouse que unha das melloras necesarias é conseguir que sexa máis cómoda e funcional para que poida usarse baixo a roupa e sentirse cómoda.
Por último, o grupo do proxecto AMAR (Adultos Maiores Activos e Recoñecidos) propuxo unha plataforma dixital innovadora, que ten como obxectivo conectar ás persoas interesadas en promocionar os seus servizos dun xeito doado e eficiente entre a súa comunidade máis próxima. Durante o tempo de laboratorio, viron as diferenzas de interese nos territorios. Así, por exemplo, mentres unha parte dos consultados querían empregar o seu tempo en voluntariado e ofrecer a súa experiencia á comunidade, noutras zonas o obxectivo era ter unha fonte de ingresos extra.