Conclúe con éxito a primeira fase do Programa NEW

mércores, 30 de abril do 2008 Raquel Noya

Máis de 24.000 empresarios españois, en concreto 24.248, xa poden gabarse de ter a súa propia páxina web en Internet, ao tela acadada a través do Programa NEW (Ningunha Empresa sen Web), unha iniciativa do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio que consistía no subministro de paquetes web para empresarios cunhas condicións preferentes.
Logo de seis meses de campaña en forma de obradoiros prácticos por toda España, o pasado 31 de marzo remataba o prazo para que os donos de pequenas e medianas empresas e autónomos se acolleran ó devandito programa e se beneficiaran das vantaxes de dispor do seu negocio na Rede.
Tanto en Galicia como en Madrid, Murcia ou a Comunidade Valenciana, a iniciativa tivo unha boa acollida, pero de entre tódalas Comunidades Autónomas, Andalucía foi a que mellor a recibiu, cun 30,1% de empresas e autónomos acollidos á algún dos paquetes web promovidos.
Para Sebastián Muriel, o director xeral de Red.es, “o éxito de NEW avala a continuidade de programas que buscan sensibilizar o tecido empresarial español nas vantaxes das TIC”, neste senso, asegurou seguir a traballar nesta liña.

O Programa NEW en cifras
Grazas ó Programa NEW, creáronse preto de 25.000 novas páxinas web e, en cinco anos, incrementouse nun 20 por cento (pasando dun 30 a un 50 por cento) o número de empresarios con web propia en España.
Máis de 3.500 interesados no Programa asistiron ós obradoiros de demostración que tiveron lugar por todo o país e o portal oficial recibiu máis de 95.330 visitas.
O Centro de Atención ó Usuario xestionou máis de 47.000 chamadas cunha porcentaxe de éxito do 17,7 por cento.
Oito foron as empresas colaboradoras que participaron neste proxecto (Nominalia, Recol, Telefónica, Hostinet, Cosmomedia, Gravitynet, o Instituto de Innovación Empresarial e eComunica), as que ofreceron un paquete de servizos en condicións preferentes.

PUBLICIDADE