Conclúe na UVigo o programa europeo DRIVE-In, centrado en aplicacións de fotónica na automoción

mércores, 22 de novembro do 2023 S. P.

O programa formativo europeo DRIVE-In (Integrated Photonics for the next generation of autonomous Vehicles using InP technologies), centrado en aplicacións de fotónica integrada ao servizo da automoción e liderado polo investigador do centro atlanTTic, Francisco Javier Díaz, pechou, tras catro anos de traballo, a súa actividade cunha xornada celebrada o pasado venres 17 de novembro na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus de Vigo.
DRIVE-In é unha rede europea de formación de vangarda a través dun doutoramento industrial na que participan a Universidade de Vigo como socio académico e VPIphotonics GmbH (Alemaña) como socio industrial. O obxectivo era avanzar no coñecemento para aplicar a fotónica integrada na próxima xeración de vehículos autónomos empregando tecnoloxías InP (fosfuro de indio). Cun orzamento dun millón de euros, o proxecto arrancou en 2019 e converteu á UVigo “nun raro caso de éxito, ao conseguir a institución académica coordinar dúas accións ITN en anos consecutivos e na mesma disciplina tecnolóxica”. Así o explicaba o profesor Díaz cando se coñeceu a aprobación deste iniciativa, que foi unha das dez propostas mellor valoradas polos revisores dentro da súa modalidade.
Agora, tras o remate do desenvolvemento, o responsábel de DRIVE-In considera que “o proxecto logrou cumprir as expectativas que tiña dende o seu inicio” e que “os seus resultados foron realmente frutíferos, xa que os estudantes estiveron traballando en diferentes proxectos de investigación dos que xurdiron dúas patentes e unha spin-off relacionada coa fabricación de semicondutores, participando tamén en diferentes formacións tanto no sector académico como no industrial”.
O proxecto pechou este venres a súa actividade cunha xornada na que participaron os tres enxeñeiros elixidos para recibir esta formación: Vahram Voskerchyan (Armenia), Yu Tian (China) e Nelson Filipe Pinto (Portugal), xunco co propio director do programa, investigador de atlanTTic e presidente de Aephos, Francisco Díaz; o profesor Francisco Soares, ex chefe científico de Fraunhofer Heinrich-Hertz-Institute; Miguel Carbonell-Valin, COO do QOPHY Lab da UVigo; Javier Fraile, catedrático da UVigo experto en comunicacións ópticas e o director executivo de Gradiant, Luis Pérez Freire.
Como dixemos, o proxecto DRIVE-In pretende fomentar a aplicación da fotónica integrada na industria automobilística mediante o desenvolvemento de novos kits de deseño de procesos (PDK) xenéricos de fosfuro de indio (InP), así como a creación de ferramentas de simulación e procedementos de modelado para o seu uso en sistemas optoelectrónicos (fotónica integrada combinada e microelectrónica). No proxecto, ademais da Universidade de Vigo, VPIphotonis e o Franhoner Institute, participan tamén o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e Bright Photonics, centros especializados na tecnoloxía do automóbil e no deseño fotónico integrado, respectivamente.

PUBLICIDADE