Conde salienta o traballo tecnolóxico da nosa industria alimentaria a prol dos controis da calidade

mércores, 24 de maio do 2023 S. P.

EMANASA e ANFACO-CECOPESCA presentaron este mércores 24 de maio en Vigo os resultados da Unidade Mixta de Investigación (UMI) na que colaboran a empresa e o centro tecnolóxico. A iniciativa, que naceu en 2016, contribúe a reforzar a competitividade da industria alimentaria aplicando novas tecnoloxías ao control de calidade. En concreto, baséase na imaxe hiperespectral, que permite coñecer as propiedades físicas e químicas dos alimentos sen contacto con eles.
A colaboración de ANFACO-CECOPESCA con EMENASA nesta UMI conta cunha axuda da Xunta de Galicia (Consellería de Economía) de 1,15 millóns de euros para un investimento total de 3,8 millóns de euros, e implicou a un total de 19 persoas.
Na presentación participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen salientou que “esta UMI é un exemplo do potencial que ten Galicia para crear solucións innovadoras que poidan achegar unha maior competitividade ao tecido empresarial”.
Tal e como apuntou o vicepresidente económico, a través de iniciativas como as Unidades Mixtas de Investigación a comunidade está facendo un importante esforzo por poñer en contacto a investigación dos centros tecnolóxicos e de coñecemento coas demandas da industria e, neste proceso, a colaboración público-privada é fundamental.
Conde enxzalzou así mesmo a importancia de que “a través do coñecemento e a transferencia ao mercado poidamos desenvolver proxectos que permitan xerar pegada industrial en Galicia e a partir de aí diferenciarnos do resto de mercados e do resto de países”.
A través desta Unidade Mixta, que contou coa colaboración de 14 empresas, avanzouse na tecnoloxía con imaxe hiperespectral para contar con sistemas que permitan o control total de cada materia prima nas liñas de procesado da industria, dispoñendo de xeito áxil de información dos parámetros de calidade e seguridade das distintas materias primas. O obxectivo despois de sete anos de traballo é chegar ao mercado coas distintas solucións desenvoltas no proxecto.
Para quen non o saiba, a tecnoloxía hiperespectral permite capturar e procesar un gran número de lonxitudes de onda, diferenciando entre distintos tipos de materiais. Esta tecnoloxía axúdanos a ver máis aló do que ven os nosos ollos, representando información física e química do que estamos a ver en tempo real. Así, permítenos realizar a clasificación dun material sen necesidade de pasar polo laboratorio.

PUBLICIDADE