Condenan a Engel Systems por piratería audiovisual

martes, 5 de marzo do 2024 Marcus Fernández

En 2021 abriuse xuízo oral no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 2 de Redondela contra varias persoas e a empresa Engel Systems S.L. acusados de formar unha trama para vender receptores de televisión que permitían o acceso fraudulento á televisión de pagamento de plataformas como Movistar, Canal+ ou BeIN tras a denuncia de DTS, Mediapro e EGEDA.
O Ministerio Público solicitaba penas de cadea que sumaban 23 anos e 9 meses para 7 investigados, así como tamén esixía preto de 21 millóns de euros a Engel polas retransmisións irregulares dos contidos de pagamento, así como a prohibición de vender decodificadores e outros produtos relacionados durante 10 anos. Tamén se contemplaban indemnizacións á acusación que sumaban 17 millóns de euros.
Agora sábese do remate da causa, pois a Audiencia Provincial de Pontevedra recolleu un fallo condenatorio para Engel Systems S.L. e os seus directivos por un delito contra a propiedade intelectual. Condénase aos 7 traballadores da empresa a multas que van dende os 540 aos 7.290 euros en función do seu nivel de participación, e a compañía recibe unha sanción de 673.000 euros (cantidade moi inferior á esixida anteriormente por terse acadado un acordo de conformidade entre as partes).
A compañía operou entre finais de 2010 e maior de 2016 vendendo receptores de televisión que reproducían contidos pirata grazas a unha rede de servidores en Lituania e Alemaña inicialmente, e nun centro de Málaga e nas propias instalacións da empresa en Madrid máis adiante, comezando polo modelo do cardsharing e evolucionando o servizo ao IPTV (que tan de moda está na actualidade).
Engel abandonou a operativa cando o 18 de maio de 2016 a policía irrompeu en locais da empresa en Málaga, Madrid e Barcelona, e en varios socios que a compañía tiña en Rivas-Vaciamadrid, Palma de Mallorca e Lugo. Tamén se fixeron rexistros en Alemaña e Lituania para desmantelar os servidores da empresa, e rexistráronse varios domicilios onde atoparon os ficheiros empregados para piratear o sinal das compañías afectadas.
Os acusados particulares recibiron condenas de cadea, conmutadas por ter abonado as cantidades reclamada e outros atenuantes durante o longo proceso xudicial.

PUBLICIDADE