Condenan a unha avoa retirar as fotografías dos seus netos das redes sociais

venres, 22 de maio do 2020 Marcus Fernández

A protección da imaxe dos menores en redes sociais é algo que está bastante claro nas lexislacións europeas, especialmente dende a entrada en vigor do Regulamento Xeral de Protección de Datos, e como grande exemplo dixo temos unha rechamante resolución xudicial en Holanda, onde unha muller de Tolkamer demandou á súa nai de Doesburg por publicar fotografías dos seus fillos de 14, 6 e 5 anos en Facebook e Pinterest.
A nai dos menores, tras reclamar reiteradamente á avoa dos pequenos que retirase as fotografías dos seus cativos das redes sociais, decidiu levar o caso a xuízo, xa que nin ela nin o seu exmarido querían ver imaxes dos seus fillos en redes sociais.
Tras unha audiencia na que a avoa dos pequenos asegurou ter borrado case todas as polémicas imaxes, solicitando manter as imaxes do seu neto maior (co que convivira durante 7 anos), o xuíz ditaminou que a avoa debe eliminar todas as imaxes dos seus netos en redes sociais e non volver publicalas, por carecer de autorización dos pais (desestimando que a conexión emocional cun dos pequenos poida servir para mudar a situación). No caso de manterse as imaxes na Rede a avoa terá que pagar 50 euros/día até un máximo de 1.000 euros.
Aínda que neste caso estamos ante un conflito que parece estar máis relacionado cunha mala relación familiar que coa protección de datos, resulta importante salientar que as normas aplicadas na resolución xudicial están vixentes en todo o territorio europeo, ou sexa, que temos que ser moi coidadosos á hora de compartir imaxes de menores a través da Internet, aínda que eses menores sexan familiares directos.

PUBLICIDADE