Conexiona converte o centro El Carmen de Ourense nun hospital smart

martes, 19 de setembro do 2017 Redacción

A empresa tecnolóxica Conexiona, con sede na Tecnópole de Ourense, presentou onte nesta cidade o seu sistema intelixente iPlace e, máis polo miúdo, a integración desta tecnoloxía no Centro Médico El Carmen, un labor de integración que, en palabras dos responsábeis da firma TIC, convérteo “no primeiro hospital inmótico de Galicia”. Para quen non o saiba, dicirlle que a inmótica é o conxunto de tecnoloxías aplicadas ao control e a automatización intelixente de edificios non destinados a vivendas. O obxectivo é permitir unha xestión eficiente do emprego da enerxía, amais de fornecer de meirandes cotas de seguridade, comodidade e comunidade entre o usuario e a tecnoloxía aplicada.
Segundo reflicte a Tecnópole, as obras de instalación comezaron o pasado mes de maio e veñen de culminar. O eixe arredor do que xiraron as tarefas de despregue foi a ferramenta iPlace, “unha plataforma que monitora, controla e xestiona distintos sistemas para mellorar a seguridade e confort dos pacientes á vez que optimiza os procesos para facer do centro un hospital eficiente", explicou José Antonio Losas, director de Tecnoloxía de Conexiona. A este respecto, Carlos Sande (director de Innovación e Proxectos) engadiu que iPlace é unha solución de Industria 4.0 que salienta tamén por ser versátil e por ter a capacidade de converter en smart ámbitos ben diversos: a xestión dunha cidade, dunha explotación agrícola, dunha fábrica ou mesmo dun edificio.
Losas e Sande explicaron que o sistema manéxase “comodamente” mediante unha aplicación móbil desde un computador, móbil ou tableta. “En calquera momento e lugar, o persoal do hospital encargado da supervisión pode controlar e corrixir, se fose necesario, o funcionamento dos aparellos”, informaron, engadindo que as vantaxes que a inmótica achega ao hospital e aos seus usuarios “son sobre todo dúas”. A primeira constitúea a maior seguridade do paciente, grazas á integración e funcionamento desta tecnoloxía en todos os equipos relacionados directa ou indirectamente con el: bancos de sangue e plasma, neveiras e conxeladores de laboratorio e cociñas, temperatura e presión dos quirófanos, etc.
A segunda é a maior eficiencia, control e optimización no hospital, xa que o sistema fai seguimento das temperaturas, das luces e dos accesos de cada unha das zonas do hospital.

PUBLICIDADE