Confirman a multa de 4.125 millóns de euros a Google por abuso de posición dominante con Android

xoves, 2 de xullo do 2026 Redacción

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea vén de confirmar a multa de 4.125 millóns de euros imposta a Google polo abuso da súa posición dominante a través do sistema operativo Android. A sentenza desestima o recurso presentado por Google e a súa matriz, Alphabet, e ratifica a sanción fixada en 2022 polo Tribunal Xeral da Unión Europea.
A resolución pon fin ao último recurso xudicial contra a decisión adoptada pola Comisión Europea en 2018, cando concluíu que Google empregara prácticas contrarias á competencia para favorecer o seu buscador e o navegador Chrome nos dispositivos móbiles con Android. Segundo Bruxelas, a empresa obrigaba os fabricantes a preinstalar Google Search e Chrome como condición para acceder á licenza da Play Store e establecía outras restricións destinadas a consolidar o seu dominio no mercado.
O Tribunal de Xustiza considera que o Tribunal Xeral non cometeu ningún erro de dereito ao concluír que estas condicións de preinstalación tiñan efectos anticompetitivos. A sentenza sinala que era lexítimo analizar o conxunto do contexto económico, sen necesidade de realizar sistematicamente unha análise contrafactual para demostrar o abuso de posición dominante. Tamén avala a conclusión de que existía unha tendencia dos usuarios a utilizar as aplicacións preinstaladas e que Google non conseguiu demostrar que ese comportamento respondese unicamente ás preferencias dos consumidores ou á calidade dos seus servizos.
A corte europea tamén confirma a valoración sobre os denominados acordos de antifragmentación, que impedían aos fabricantes comercializar dispositivos con versións de Android non aprobadas por Google se querían manter o acceso ás aplicacións da compañía. Segundo a sentenza, estas prácticas contribuían a limitar a competencia e reforzaban as barreiras de entrada no mercado, sen que fose necesario demostrar que podían expulsar competidores igual de eficientes.
O Tribunal de Xustiza tamén respalda a decisión do Tribunal Xeral de manter a consideración de que existiu unha infracción única e continuada, aínda que este anulase parcialmente unha das categorías de condutas investigadas (os acordos de repartición de ingresos). Os xuíces consideran que as prácticas restantes seguían formando parte da mesma estratexia anticompetitiva.
A decisión da Comisión Europea de 2018 establecera inicialmente unha multa de 4.342,9 millóns de euros, pero o Tribunal Xeral reduciuna en 2022 ata os 4.125 millóns tras anular unha parte da resolución relativa aos acordos de repartición de ingresos con determinados fabricantes e operadores móbiles. Coa sentenza publicada hoxe, esa contía queda definitivamente confirmada.