Confirman dende a UVigo os beneficios de combinar exercicio e realidade virtual en persoas con párkinson

martes, 10 de decembro do 2024 S. P.

O desenvolvemento dun programa de exercicio físico a alta intensidade nunha contorna de Realidade Virtual inmersiva mellora a capacidade funcional e a calidade de vida das persoas con párkinson e pode contribuír a reducir a progresión desta enfermidade. Esta é unha das conclusións extraídas do estudo piloto que o grupo de investigación HealthyFit levou a cabo coa colaboración da Asociación Párkinson Provincia de Pontevedra (Apropark), no marco do proxecto Integra-Park, desenvolvido co financiamento do IV Plan Social Ence.
O investigador principal do grupo, o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela, explica que o obxectivo deste proxecto era “achegar determinadas prácticas deportivas, como o remo, que non son accesíbeis” a esta poboación, dado os riscos que podería implicar a súa práctica nunha contorna natural.
Empregando unhas lentes de Realidade Virtual, sincronizadas cun cicloergómetro e un remoergómetro intelixentes, posibilitouse que persoas con párkinson puidesen levar a cabo un programa de actividade física de 14 semanas, con dúas sesións semanais de 25 minutos; unha delas dedicada a pedalear e a outra a remar por diferentes contornas virtuais. Mediante o uso de exergames, as e os participantes desenvolvían a actividade física mentres “se desprazaban polas canles de Venecia ou participaban nunha carreira ciclista”, apunta Cancela, e realizaban a súa vez “pequenas tarefas cognitivas e de toma de decisións” no marco da propio videoxogo.
Neste estudo piloto participaron doce pacientes que se atopan nos estadios I a III desta enfermidade, que implican a aparición e a progresión de diferentes síntomas motores. Estes foron de feito “os que melloraron principalmente”, nas avaliacións realizadas ao remate do programa, como destaca o responsábel do grupo HealthyFit, inserido no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
Máis polo miúdo, rexistráronse melloras en diferentes parámetros referidos á capacidade funcional, como a mobilidade, o equilibrio dinámico e a forza muscular. Neste último ámbito, acadouse unha mellora do 24% nas variábeis referidas á forza dos membros inferiores, un parámetro relevante, como lembra Cancela, para avaliar o seu grao de autonomía, xa que un dos síntomas motores do Párkinson é “que comezan a desprazarse arrastrando os pés, o que moitas veces causa a perda de ton muscular no tren inferior”. Así mesmo, a intervención xerou un incremento da forza de prensión nas dúas mans, “un parámetro identificado como indicador do síndrome de fraxilidade” e que, no caso de descender, sinalaría “unha aceleración” na progresión da enfermidade.
Do mesmo xeito, o programa permitiu mellorar a súa capacidade aeróbica nun 10%, así como a percepción que teñen de diferentes aspectos relacionados coa súa calidade de vida. Concretamente, as persoas participantes destacaron os seus efectos positivos para o desenvolvemento das actividades da vida diaria e para a diminución do malestar corporal, rexistrándose unha mellora do 44% nas variábeis dirixidas a avaliar o seu benestar emocional.