Confirman o desenvolvemento de Marvel vs Capcom 3

martes, 20 de abril do 2010 Marcus Fernández

Cando falamos de xogos de loita en 2D, tras citar as franquías de Street Fighter e King of Fighters é inevitable comentar o mítico Marvel vs Capcom 2, considerado coma un dos títulos de máis calidade dentro deste tipo de xogos, e claramente o referente nos crossovers de loita, polo que os seareiros deste tipo de videoxogos estarán encantados de saber que tras 10 anos de espera confírmase o desenvolvemento de Marvel vs Capcom 3: Fate of Two World, título que podería saír a primeiros de 2011 e que poderemos ver en acción na vindeira edición do E3.
Estamos ante unha mestura entre Marvel vs Capcom 2 e Street Fighter IV, con contidos desbloqueables, multitude de personaxes tanto de Marvel coma de Capcom, gráficos en alta definición (a 1.080p) e, coma confirmación da calidade deste título temos que, en contraste cos lanzamentos deste tipo dos últimos meses, non estaremos ante un xogo descargable, senón que venderase en soporte físico. Sairá para Xbox 360 e PlayStation 3, sen previsión doutras plataformas.
Sobre os personaxes que aparecerán no xogo, no seu primeiro trailer podemos ver os enfrontamentos de Lobezno (X-Men) contra Ryu (Street Fighter), Iron Man contra Morrigan (Darkstalkers) e Hulk contra Chris Redfield (Resident Evil 5), aos que acompañarán moitos outros personaxes coma o Capitán América, Doctor Doom, Masacre, Felicia (Darkstalkers), Frank West (Dead Rising), Chun-Li (Street Fighter), Dante (Devil May Cry), o Super Skrull, Mephisto… superando os 30 personaxes para compor o que parecerá un cómic real ao que acompañará unha boa historia.


Primeiro trailer oficial do Marvel vs Capcom 3


Os deseños dos personaxes do xogo dan a entender que a súa orientación será máis occidental do que estamos afeitos en títulos deste tipo (de corte asiático).

PUBLICIDADE