Confirman os prezos e a data de lanzamento das novas Xbox

mércores, 9 de setembro do 2020 Marcus Fernández

As cartas de Microsoft xa están sobre a mesa. Tras anunciarse que a Xbox Series S tería un prezo de 299 euros e sairía á venda o 10 de novembro, confirman tamén que chegará acompañada pola Xbox Series X a un prezo de 499 euros, podendo ambas consolas reservarse a partir do 22 de setembro.
Pero as novidades sobre a nova xeración de consolas de Microsoft non quedan aí, senón que tamén detallaron as especificacións da Xbox Series S e sorprenderon moi agradablemente ao anunciar que o servizo de subscrición Xbox Game Pass Ultimate incluirá EA Play sen custo adicional a partir do Nadal.
Ou sexa, que aparte do máis dun cento de xogos incluídos nos Game Pass tamén estarán dispoñibles máis de 60 títulos de Electronic Arts como FIFA 20, Titanfall 2, Need for Speed Heat ou Battlefield. Este tipo de detalles confirmarían que a Xbox Series S busca principalmente asociarse ao Game Pass, instando aos xogadores a subscribirse a un catálogo de xogos en vez de a mercar títulos soltos, o que podería supor unha seria ameaza para as tendas de videoxogos tradicionais.
No que respecta ás especificacións da Xbox Series S confirman que conta co mesmo procesador que a Xbox Series X (aínda que a unha velocidade de reloxo lixeiramente inferior), de xeito que a súa redución de tamaño e prezo sería consecuencia da limitación da potencia gráfica (a gráfica integrada ten 4 TFLOPS en vez dos 12 TFLOPS da Series X), á vez que tamén ten menos RAM (10 GB en vez de 16 GB), menos capacidade de almacenamento (512 GB en vez de 1 TB) e carece de lector de discos.
Pero as limitacións da Xbox Series S podería ser moi pouco importantes para moitos xogadores, xa que nas demostracións en vídeo que publicaron dende Microsoft podemos ver como é capaz de mover Gears 5 a 120 imaxes por segundo, os tempos de carga son moi reducidos (The Outer Worlds pasa dos 53 segundos de carga en Xbox One S a só 12 segundos) e tamén pode tirarse proveito da función Quick Resume (que permite saltar dun xogo a outro ao instante mantendo as partidas no momento no que estaban).
Que a Xbox Series S prometa gráficos a 1.440p e a 60 fotogramas por segundo (sobreescalados a 4K) podería ser máis que dabondo para a grande maioría de xogadores, pois en moitos casos o televisor ou pantalla ao que se contacta a consola non permitiría gozar de resolucións e velocidades de refresco superiores, de aí que esta nova Xbox semelle todo un acerto e, de verse acompañada por boas vendas, podería supor un importante pulo para os xogos en formato descargable, o que os máis pesimistas ven directamente como a sentenza de morte das tendas de videoxogos tradicionais.

Vídeo no que amosan as posibilidades da Xbox Series S

JPEG - 112 KB
A diferenza entre a Xbox Series S e a Xbox Series X é basicamente en potencia gráfica

PUBLICIDADE