Confirman que Atari soterrou milleiros de cartuchos do xogo de E.T. nun deserto

luns, 28 de abril do 2014 Marcus Fernández

Esta ano as consolas de Microsoft van ter unha serie de contidos audiovisuais exclusivos producidos por Xbox Entertainment Studios, entre os que figurarán unha serie de documentais que se inaugurarán cunha investigación para coñecer se é certa a lenda que aseguraba que, ante a malísima resposta do público e a crítica ante o xogo de Atari 2.600 baseado no filme de E.T., enterraron millóns de cartuchos do xogo sen vender nun deserto de Novo México.
A parte crucial da gravación desta reportaxe tivo lugar a pasada fin de semana, na pequena vila de Alamogordo, a onde se desprazaron numerosos curiosos para comprobar se o enterramento de cartuchos en 1983 era unha lenda urbana ou un anaco máis da historia dos videoxogos.
Tras unhas 3 horas de escavacións, que puideron realizarse grazas a un acordo entre a produtora Fuel Entertainment e un profesional do tratamento de residuos en Novo México para conseguir os dereitos exclusivos de escavación nos terreos onde se sospeitaba que se enterraran os cartuchos do fracasado xogo, conseguiuse trunfar, e atoparon centos de unidades do xogo nas súas caixas (bastante deterioradas), xunto con mandos de Atari 2.600 e copias doutros xogos como Centipede, Space Invaders ou Asteroids.
O documental que contará este achado espera estrearse baixo o título Atari: Game Over, e entre os seus responsables figuran os produtores Simon Chinn (Man on Wire) e Jonathan Chinn (30 Days) e o director-guionista Zak Penn (X-Men 2), descoñecéndose polo momento a data de estrea (que sería este mesmo ano).

Larry Hryb amosando un dos cartuchos atopados


Vídeo sobre as escavacións do pasado sábado

PUBLICIDADE