Confirman que a Axencia Tributaria non foi vítima dunha intrusión informática

xoves, 5 de decembro do 2024 Marcus Fernández

A Axencia Tributaria (AEAT) aseguraba estes días non ter sido vítima dun ataque informático, respondendo ás preocupacións por unha filtración dunha importante cantidade de datos atribuída ao grupo de delincuentes informáticos Trinity, e aínda que continúan a ser moitas as dúbidas sobre o acontecido, a propia Axencia xa indicou que nin detectaron intrusións nos seus sistemas, nin recibiron comunicación solicitando un rescate pola información, e incluso ratificaron que os datos filtrados non corresponderían aos custodiados pola AEAT. Ao parecer, a filtración realmente correspondería a «unha entidade privada do ámbito da asesoría fiscal e laboral».
Coméntase que os datos filtrados que tanto rebumbio causaron nos últimos días terían sido subtraídos dunha pequena xestoría de Málaga, que tería sido vítima dun ataque de ransomware, ou sexa, que padeceron o cifrado de múltiples arquivos, descoñecéndose polo momento o nome da xestoría e se xa recibiron a petición de rescate. A cantidade de 38 millóns de dólares que se entendían como a cantidade de rescate solicitada sería realmente unha cantidade atopada en parte da documentación, e a súa atribución á AEAT non se sabe se foi accidental ou intencionada, pero en calquera caso parece desbotada a vulneración da seguridade da Axencia Tributaria.