Confirman que haberá un novo Guilty Gear para as consolas de alta definición

mércores, 30 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Os xogos de loita tanto en 3D coma en 2D parecen estar a vivir un rexurdir no último ano e medio, con franquías que volven ao mercado, conseguindo de xeito xeral bos resultados, de aí que non sorprenda que Daisuke Ishiwatari desvelase que Arc System Works está a traballar nunha nova entrega de Guilty Gear para PlayStation 3 e Xbox 360, deixando claro que esta saga non está morta.
O director de desenvolvemento de negocio de Arc System Works, Tomo Ohno, confirmou tal información, e aseguran que é un traballo que van realizar en serio, procurando non decepcionar aos seguidores da saga, polo que non estariamos ante un título coma Guilty Gear 2: Overture, que realmente está fóra da serie de xogos, pois estariamos ante unha especie de spin-off cunha mecánica de xogo diferente e que non gozou da aprobación do público.

PUBLICIDADE