Confírmanse grandes sancións europeas contra Apple e Google
martes, 10 de setembro do 2024
A Comisión Europea está a celebrar o remate de dúas longas causas xudiciais que tiña abertas contra Apple e Google, nas que finalmente se confirmaron os puntos de vista da Comisión dende os que defenden os dereitos dos cidadáns, as taxas xustas e a competencia leal.
O Tribunal de Xustiza confirma a decisión de 2016 da Comisión Europea na que determinaba que Irlanda outorgou a Apple unha axuda ilegal, de xeito que agora Irlanda ten que recuperar os cartos que a compañía de Cupertino non pagou no seu día (uns 13.000 millóns de euros). Esta sentenza é definitiva.
O Tribunal tamén confirma a decisión da Comisión no caso de abuso de posición dominante de Google Shopping (por favorecer este servizo dentro dos resultados de busca de Google), sanción fixada en 2.400 millóns de euros. Ante esta sentenza tampouco cabe recurso.
Cómpre salientar que o caso de Google Shopping foi un dos que inspirou a actual Lei de Mercados Dixitais (DMA), que inclúe medidas para evitar os abusos de poder dos xigantes tecnolóxicos.