Confírmase que Windows para móbiles é un proxecto morto

luns, 9 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que Microsoft non saíu á palestra para dar unha explicación clara, é evidente que tiraron a toalla no contorno móbil, como demostrouse nas últimas semanas con Bill Gates recoñecendo que o seu móbil funcionaba con Android (probablemente un Samsung Galaxy S8 Microsoft Edition), Satya Nadella comentando publicamente que estaba en contra da operación de compra de Nokia e, finalmente, o que estaba considerado a cara visible de Windows Phone, Joe Belfiore, declarando a través de Twitter que continuarán a dar soporte á plataforma (corrixindo erros e publicando actualizacións de seguridade) pero sen engadir novas prestacións nin hardware.
De feito, dende HP xa falan abertamente da súa decepción con Microsoft, xa que a compañía esforzouse en comercializar o HP Elite x3, un smartphone que conectado a un teclado, un rato e un monitor pode funcionar a xeito de ordenador persoal, e que xa non conta con apoio da compañía de Redmond, o que levou a que a partires de agora no ámbito empresarial recomenden o uso de iPhone.
Estaba claro que Windows Phone 8.1 era unha plataforma morta, pero quedaba esperanza en que Microsoft recuperase a versión móbil de Windows 10, algo que non parece que será así segundo as declaracións de Belfiore, quen recoñece abertamente que resultaba moi complicado incentivar aos desenvolvedores de aplicacións a creación de software para plataformas móbiles Windows, o que é o recoñecemento dun fracaso que non foi só cousa de cartos, senón que Microsoft tivo cambios de dirección moi bruscos en poucos anos, facendo que o sector perdese a pouca confianza que podía ter nun Windows móbil, que pese a ser prometedor non é viable se a propia Microsoft realiza cambios profundos cada poucos meses e os seus máximos directivos opóñense a avanzar nese eido.

PUBLICIDADE