Conseguen cargar novos xogos na Nintendo Classic Mini

luns, 9 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Para os que non eran atractivo dabondo os 30 xogos incluídos na desexada Nintendo Classic Mini, un grupo de usuarios conseguiu modificar a pequena consola conectándoa a un ordenador mediante un cable micro-USB para así poder verter os contidos da Nintendo Classic Mini ao PC para modificalos e engadirlle ficheiros a través dunha aplicación que facilita que despois poidan incorporarse xogos adicionais.
Para evitar problemas legais os creadores deste truco non distribúen ningún xogo con copyright co software, de xeito que a incorporación de xogos de xeito irregular sería responsabilidade do usuario. Tamén lembran que este tipo de modificacións pode deixar inservible a pequena consola que foi un dos agasallos máis perseguidos na pasada campaña de Nadal.
A modificación da Nintendo Classic Mini non é ningunha sorpresa, xa que existen numerosos métodos para poder gozar dos vellos xogos de NES no televisor grazas aos emuladores que hai tanto en máquinas dedicadas como en ordenadores, móbiles, tabletas e incluso consolas modernas.

Vídeo no que podemos ver a ampliación do número de xogos incluídos na Nintendo Classic Mini

PUBLICIDADE