Conseguen enganar ao Face ID do iPhone X cunha máscara

luns, 13 de novembro do 2017 Marcus Fernández

JPEG - 51.3 KB
As afirmacións por parte de Apple de que o Face ID non podía superarse empregando máscaras non parecen ser moi precisas

Durante a presentación do iPhone X dende Apple insistiron na seguridade de Face ID, o seu sistema de recoñecemento facial, chegando a dicir que era imposible enganar ao sistema empregando mascaras que replicasen caras, o que parece non ser tan certo como deron a entender, e ao igual que acontecía co Touch ID (que podía superarse empregando moldes de pegadas dixitais), un grupo de expertos en seguridade vietnamitas (da Bkav Corporation) conseguiu facer unha máscara capaz de enganar ao Face ID do iPhone X.
Cómpre advertir que, ao igual que é moi complicado duplicar unhas pegadas dixitais, imitar unha cara en tres dimensións é extraordinariamente complexo, e tiveron que empregar distintos tipos de máscara até atopar o sistema que conseguise enganar á intelixencia artificial desenvolvida por Apple para recoñecer caras.
Os investigadores en seguridade crearon unha máscara sobre unha base de plástico impresa en 3D, á que engadiron silicona modelada, maquillaxe e papel, tendo que realizar certos trucos sobre os modelos para ser quen de enganar a Face ID, mencionando que realmente só é preciso copiar a metade dunha cara para superar o sistema de recoñecemento (xa que está pensado para funcionar cando partes da cara están cubertas) e matizando que o seu traballo é unha proba de concepto, ou sexa, que non quere dicir que calquera poida facer unha máscara que permita superar o Face ID de Apple, senón que simplemente buscan demostrar que o sistema non é tan seguro como podemos pensar.
Para a creación desta máscara capaz de enganar ao Face ID non foi preciso moito tempo, xa que os investigadores non se fixeron cun iPhone X até o pasado día 5, de aí que sexa bastante impresionante ver como en menos dunha semana foron quen de vulnerar a seguridade do sistema. É de esperar que xurdan métodos sofisticados de superar o Face ID, especialmente dende axencias de intelixencia e outras compañías expertas en seguridade (para, por exemplo, acceder aos contidos do iPhone en investigacións policiais), asegurando os investigadores vietnamitas que o produto que crearon custa uns 150 dólares, polo que sería bastante asumible para certos escenarios, pero cun nivel de complexidade dabondo como para tranquilizar aos cidadáns de a pé.

Vídeo no que explican o desenvolvemento da máscara capaz de enganar ao Face ID

PUBLICIDADE