Conseguen hackear a Nintendo Switch

martes, 24 de abril do 2018 Marcus Fernández

Normalmente as consolas de videoxogos tardan bastantes anos en verse expostas ás vulnerabilidades que permitan correr código non autorizado (tanto software caseiro como copias non autorizadas dos seus xogos) pero no caso da Nintendo Switch, consola baseada nun hardware relativamente común que pode atoparse en varias tabletas con Android, de aí que non sorprenda que xurdise un método para hackear a célebre consola, aínda que nesta ocasión a vulnerabilidade aproveitada resulta máis preocupante por un par de motivos: aseguran que o exploit non pode corrixirse, e afecta a toda a liña de procesadores nVIDIA Tegra X1 (ou sexa, que non se limitaría á Switch).
A vulnerabilidade descuberta atópase no modo de recuperación por USB dos procesadores Tegra X1, que pode aproveitarse para correr código arbitrario. No caso da Switch, para poder entrar no modo de recuperación hai que empregar un pin especial no conector do Joy-Con dereito (ou sexa, sen ter que abrir a consola), e non parece que poida corrixirse tal fallo nos preto de 15 millóns de consolas vendidas até o momento, pero Nintendo si podería tomar medidas de cara ao futuro, por unha banda integrando versións actualizadas do procesador Tegra X1 corrixidas e, por outra, detectando os sistemas modificados mediante este truco pórlles cancela, comezando así o que sería un xogo do rato e o gato.
Ao parecer, o grupo que detectou o fallo de seguridade detectado advertiu a Nintendo e nVIDIA hai bastantes semanas, dándolles un tempo prudencial para facer público o descubrimento pero, ao emerxer a vulnerabilidade doutras fontes decidiron facer públicas as súas descubertas, así como un método para cargar Linux na Nintendo Switch. Feito isto último foron capaces de facer correr o xogo The Legend of Zelda: Wind Waker da súa versión para GameCube a través do emulador Dolphin, o que é unha boa mostra das posibilidades que abre o hackeo de Switch.

Para poder pór a Nintendo Switch en modo de recuperación pode empregase un pequeno accesorio que evita ter que desmontar a consola

PUBLICIDADE