Conseguen instalar Android 10 en Nintendo Switch

mércores, 10 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

A Nintendo Switch é unha consola de videoxogos baseada no hardware da nVIDIA Shield K1, ou sexa, que no fondo é unha tableta con Android á que incorporaron uns mandos creados por Nintendo, os Joy-Con, de aí que houbese que se tomase a molestia de adaptar unha versión de LineageOS 17.1 (distribución de Android 10) creada para a nVIDIA Shield TV para que puidese correr na Switch, o que pode resultar moi práctico para gozar de plataformas de xogo na nube ou para a execución de emuladores de sistemas clásicos.
Estamos a falar dunha versión de Android 10 non oficial, que ten certa complicación para a súa instalación, pero que xa funciona dun xeito máis que digno, soportando a meirande parte de accesorios de Nintendo Switch, gozando á vez das aplicacións propias para Android TV, aínda que resulta evidente que o máis atractivo desta solución é a posibilidade de executar na Switch xogos que non son para Switch, algo que para moitos resultaría absurdo, pero que para algúns pode resultar especialmente interesante de cara a dar unha segunda vida á consolas portátil, xa que así queda a esperanza de empregala para executar xogos de consolas clásicas como a Nintendo 64, a PlayStation orixinal, a Dreamcast, a PSP ou a Gamecube en mobilidade.

Demostración de LineageOS 17.1 correndo distintos emuladores nunha Nintendo Switch

PUBLICIDADE