Constituído o Consello de Administración da Sociedade Xestora da Cidade das TIC

venres, 4 de abril do 2025 S. P.

A Sociedade Xestora da Cidade das TIC xa é unha realidade. Así se certificou na mañá deste xoves 3 de abril coa celebración da primeira sesión ordinaria do seu Consello de Administración, un acto no que participaron a alcaldesa, Inés Rey, e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, e que abre camiño á folla de ruta proposta pola Concello e a UDC co obxectivo de “dinamizar e impulsar o polo tecnolóxico de Pedralonga”, a antiga Fábrica de Armas da Coruña.
A sesión tivo lugar na Sala Cluster TIC do Centro de Servizos Avanzados, e permitiu concretar o organigrama que encabezará o Consello de Administración nesta primeira etapa. Será Ricardo Cao Abad quen ostentará a presidencia ata finais de ano e, xa a comezos do 2026, a alcaldesa collerá a súa remuda á fronte do mesmo.
O Concello está representado no Consello de Administración por José Manuel Lage, concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica; Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade; Emma Cid, directora de Área de Gabinete da Alcaldía; e Manuel Ángel Jove, director da Área de Administración Xeral.
Pola súa banda, a representación da Universidade da Coruña recae nas seguintes persoas: o reitor, Ricardo Cao; pola secretaria Xeral da UDC, Marta García, e polo vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas.
Serán facultades do Consello de Administración, entre outros aspectos, a dirección e xestión dos negocios da sociedade de xestión da Cidade das TIC e a toma de decisións de actuacións para a consecución dos obxectivos do dito órgano, que son a promoción e o impulso do proxecto.
Rey e Cao Abad coincidiron na posta en valor dos avances que está a experimentar a Cidade das TIC nos últimos meses, coa incorporación de novos equipamentos que permitirán “dar un pulo ás iniciativas empresariais e tamén en materia de investigación que xa están a abrollar en Pedralonga, con énfase no desenvolvemento do sector TIC e tamén do tecido audiovisual”.
É o caso dos novos escenarios que se habilitarán en dous dos edificios da antiga Fábrica de Armas. Co arrinque deste mes de abril, a xunta de Goberno local concedeu os permisos necesarios para facilitar a construción dos edificios que acollerán estes estudios inmersivos. Ocuparán dúas parcelas que suman 6.640 metros cadrados. Os traballos previstos pola empresa promotora contan cun orzamento de execución conxunto de 4,1 millóns de euros e un prazo de execución de 36 meses.