Constituído o consello que asesorará á Administración galega en I+D e transferencia

xoves, 12 de setembro do 2019 Redacción

Hoxe constituíse oficialmente o órgano consultivo galego dirixido a asesorar á Administración autonómica en temas relacionados coa investigación, a transferencia e a valorización de coñecemento e a innovación. Estamos a falar do Consello Asesor de Investigación e Innovación, cuxa primeira tarefa será avaliar a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3). A constitución foi presidida pola directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey.
O órgano consultivo está formado por expertos representantes das universidades galegas, os organismos públicos de investigación, os centros tecnolóxicos, as empresas, os parques científico-tecnolóxicos, a cidadanía e a Administración autonómica.
O consello terá entre as súas funcións elaborar informes relativos á situación e ás tendencias no ámbito da I+D+i; identificar proxectos no sector empresarial que se poidan achegar ás entidades de investigación para o pulo a obxectivos de mercado baseados nos resultados destas; e realizar propostas de actuación e dinamización da investigación e innovación que poidan ser trasladados ao Consello de Política Científica e Tecnolóxica e de Innovación a través da representación galega nel.
Patricia Argerey, como presidenta do consello asesor, convidou aos integrantes a “trasladar ao faro as necesidades e inquedanzas dos colectivos aos que representan, co obxectivo de contribuír a deseñar o futuro da política de I+D+i en Galicia”.
A directora de GAIN engadiu que “temos que conseguir que a innovación xere valor non só para as empresas -para fortalecer a nosa capacidade competitiva, de crecemento e de creación de emprego de calidade-, senón que xere valor para a cidadanía, que achegue solucións aos problemas sociais e permita afrontar mellor os cambios e transformacións que a sociedade está a experimentar”.

PUBLICIDADE